Telefónica presenta en Galicia un informe sobre as TIC na sanidade do futuro

xoves, 25 de setembro do 2008 Raquel Noya

A compañía de telecomunicacións nacional, Telefónica, en colaboración coa Consellaría de Sanidade de Galicia, vén de anunciar a celebración da xornada, As tecnoloxías da información e as comunicacións na sanidade do futuro, que terá lugar mañá venres, 26 de setembro, ás 11:00 horas.
O acto, que estará presidido pola conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, reunirá, no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela, a máis dun cento de profesionais das administracións, hospitais e centros de saúde galegos, que completarán coa súa presenza a relación de profesionais convidados.
Nesta ocasión, a conselleira estará acompañada do director territorial de Telefónica en Galicia, José Ángel Veiga, e por responsables da administración sanitaria galega, que falarán sobre o desenvolvemento das TIC na sanidade, en xeral, e das conclusións do Informe da Fundación Telefónica sobre o uso destas tecnoloxías en particular.
Outros relatores convidados son, Antonio Martos, conselleiro delegado Mensor, Pilar Fernández Romero, secretaria xeral da Consellaría de Sanidade da Xunta, Cayetano Rodríguez Escudero, secretario xeral do Servizo Galego de Saúde e Mar Pereira Álvarez, subdirectora xeral de Información e Servizos Tenolóxicos da Consellaría de Sanidade, entre outros.

PUBLICIDADE