Telefónica quere chegar aos 4 millóns de clientes ao abeiro de Fusión TV

venres, 6 de febreiro do 2015 Redacción

Entre os retos de Telefónica para este ano que comeza atópase, como é lóxico, o de incrementar os ingresos e o número de usuarios dos seus servizos, e non só os de telefonía móbil. Máis polo miúdo, o que se pretende é ir alén dos dous millóns de clientes de televisión que arestora ten no mercado español, sendo o seu obxectivo chegar a rentes dos 4 millóns ao remate de 2015 a través de Fusión TV. Para dobrar a carteira de usuarios Telefónica tirará partido das posibilidades de Canal +, recentemente adquirida e doutras cousas como a inclusión de Movistar TV en aparellos de televisión Samsung (o que significa que boa parte das Smart TV do fabricante terán acceso directo ao servizo de Movistar sen necesidade de aparellos extra, isto será unha realidade logo do inverno).
Outra das estratexias a seguir para acadar a devandita cifra de usuarios será minimizar a porcentaxe de cancelación de contratos. Segundo se informa, a operadora apostará de cheo pola liña Fusión e, polo tanto, polo converxente. Isto levarase a cabo en base a o seguinte feito: quen ten servizos converxentes troca menos de operadora (para facelo, tería que darse unha causa de forza maior, do tipo dunha eiva técnica grave ou unha atención incorrecta).
En definitiva, a operadora quere ir levando a súa carteira de usuarios cara ao servizo Fusión. Como lembraremos, este proceso xa foi acadando fitos importantes, como por exemplo a migración dos clientes de ADSL a fibra óptica, novidade abeirada ao catálogo Fusión e anunciada en abril do ano pasado.Esta migración, que foi de balde, posibilitou un acceso de 10 Mbps reais sobre a rede fixa “máis rápida e potente no mercado”, engadiu a operadora, “amais de optar a máis e mellores produtos converxentes, sempre con televisión e 4G, polo mesmo prezo e mesmo menos do que viñan pagando con anterioridade”.

PUBLICIDADE