Telefónica reivindica en Mindtech a importancia do puxante sector TIC galego

mércores, 21 de xuño do 2023 S. P.

Carlos Ruisánchez, de Wayra, na súa intervención este mércores 21 de xuño

Telefónica é unha das representantes dos sector das telecomunicacións que está a participar no evento Mindtech, congreso da industria do metal que se celebra en Vigo. Este mércores 21 de xuño a operadora foi unha das protagonistas do Foro Tecnolóxicas, a través de María Jesús Vázquez, responsábel de Planificación e Dixitalización de Operacións, Rede e TI de Telefónica. Vázquez, na súa intervención, dixo que “a elección de Galicia como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial é consecuencia do empuxe e relevancia do sector TIC galego, e da importante presenza de compañías tractoras como Telefónica, Stellantis ou Inditex”.
María Jesús Vázquez, enxeñeira superior de Telecomunicación pola UVigo e membro da iniciativa #GirlsLoveTech, falou neste foro da evolución das tecnoloxías móbiles en España, desde o GSM da década dos 90 do século pasado ata a actual 5G. Respecto á 5G, destacou as súas principais calidades, como a baixa latencia ou o network slicing, a capacidade para partir a rede en varias capas especializadas e independentes que, no caso, por exemplo, dunha rede corporativa, poden estar en exclusiva destinadas a empregados, seguridade, visitantes ou Internet das Cousas. Neste sentido, referiuse ao exponencial crecemento da tecnoloxía dos obxectos conectados (a conexión virtual con e entre máquinas) e, por tanto, á cada vez maior necesidade de securización da rede.
A relatora falou tamén da importancia de Galicia como territorio onde se puxeron en marcha múltiples proxectos pilotos de 5G, “con aplicacións tan interesantes como a supervisión das liñas ferroviarias mediante drons, o uso de 5G e Realidade Aumentada na industria naval ou a asistencia na estrada nos túneles que conectan Galicia coa meseta”.
Tralas intervencións dos relatores desenvolveuse un diálogo no que se abordou en primeiro lugar a transformación dixital en España. María Jesús Vázquez fixo referencia aos datos recolleitos no Informe da Sociedade Dixital en España, publicado por Fundación Telefónica, para afirmar que “somos dos países máis dixitalizados de Europa, tanto na empresa como no fogar e as administracións públicas. En termos de conectividade 5G, por exemplo, a Unión Europea terminou 2022 cunha cobertura do 65%, mentres Telefónica, en España, pechou o ano 2022 cunha cobertura superior ao 83% da poboación. Estes bos datos teñen moito que ver o enorme esforzo que fixo Telefónica para despregar redes robustas de fibra ata o fogar e ultras banda larga móbil, con capacidade para dar soporte á enorme demanda de servizos baseados nas redes”.
En relación ao sector TIC en Galicia, recoñeceu tamén que “temos o problema da captación e retención de talento, pero polo demais existe unha fluída comunicación universidade-empresa, temos organizacións sectoriais moi dinámicas e unha administración que apoia ao sector TIC e implementa ferramentas innovadoras para facilitar e axilizar a interacción cos cidadáns. Así que estamos nunha boa posición”.
Telefónica tamén estivo presente no Mindtech Startup Event, celebrado este mércores pola mañá e onde a compañía estivo representada por Carlos Ruisánchez, de Wayra, quen explicou aos presentes o traballo desempeñado deste hub de innovación aberta de Telefónica. Operativa desde 2011, o obxectivo de Wayra é conectar ecosistemas locais e globais para detectar novas oportunidades de negocio e crecemento. Con 8 Wayra Hubs e 30 Open Future Hubs funcionando en Europa e América Latina, traballa actualmente con 180 novas firmas innovadoras e desde os seus inicios fíxoo con máis de 1.000. “É, na actualidade o hub de innovación tecnolóxica máis global e máis conectado de cuantos existen neste momento”, sinalou.

PUBLICIDADE