Telefónica transforma as súas tarifas de contrato para móbiles na procura do aforro e da simplicidade

xoves, 3 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Cadro de opcións para deseñar a nosa tarifa personalizada

Telefónica vén de dar a coñecer este xoves unha importante nova para os seus clientes reais e potenciais. Referímonos á posta en marcha dunha serie de medidas encamiñadas a transformar a súas tarifas de contrato para usuarios de móbil cara a unha meirande simplificación, medidas que se presentan baixo dous conceptos básicos: Falar e Falar e Navegar. Este novo concepto de oferta, baseado segundo apunta Telefónica na flexibilidade, na transparencia e nunha mellor achega de prezos, foi dado a coñecer en todo detalle por José María Álvarez-Pallete, presidente de Telefónica Europa, e Luis Miguel Gilpérez, novo responsable de Negocio de Telefónica España. Ao seu xuízo, estariamos a falar dun antes e un despois da evolución dos prezos no mercado estatal e, tamén, das diferentes estratexias desenvolvidas para satisfacer ao cliente. Este, o cliente, será o piar básico da nova estratexia comercial.
Os restantes piares serán a liberdade de elección, a transparencia, a personalización e a flexibilidade “para que o usuario poida cambiar as súas tarifas cando e como queira”. Deste xeito, a partir do 10 de novembro, a operadora española ofreceralles aos seus usuarios de contrato móbil no país un novo abano de prezos de voz que, mesturados coa oferta previa de datos, achegará “combinacións a gusto de cada cliente e a oferta de tarifas máis completa e competitiva do mercado”, sinalaron. Entre as medidas concretas a pór en marcha inclúese unha nova canle en liña mellorada e adaptada dende a que se poderán xestionar e personalizar con “suma facilidade” tódalas opcións dispoñíbeis. Como dixemos, as novas tarifas insírense en dúas grandes categorías, Falar e Falar e Navegar, dous conceptos que falan por si sós, dun xeito sinxelo e claro, do que se ofrece. “O cliente”, informaron, “poderá combinar de xeito libre as tarifas de voz e as de datos e conformar a súa propia conta en función das súas necesidades, que ademais poderá trocar por outras cantas veces queira sen penalizacións nin incompatibilidades, e sen letras pequenas; engadíndose a posibilidade de cambiar de móbil sen atarse a unha tarifa e só con elixir o nivel de gasto”.
Baixada de nove a seis euros no consumo mínimo
As opcións máis sinxelas son as que permiten Falar con tódolos clientes en calquera horario, con paquetes de minutos que inclúen 150 minutos ao mes por un prezo de 15 euros, 300 minutos por 25 euros ou 500 minutos por 35 euros. O resto dos minutos que vaian alén das franquicias contratadas cobraranse a 18 céntimos/minutos, cun establecemento de chamada de 15 céntimos. O consumo mínimo de tódolos contratos de voz tamén baixa de 9 a 6 euros por mes, o que supón unha redución do 33%. Porén, informa Telefónica, se o cliente leva a cabo –principalmente- as súas chamadas cara a outros usuarios de Movistar ou teléfonos fixos, poderá gozar de 250 minutos ao mes por só 15 euros. E se o uso maioritario é para os seus intres de lecer (fins de semana e tardes a partir das 16.00 horas) tamén poderá obter 250 minutos mes por 15 euros, engade a operadora española.
A estas achegas de voz poderán xuntarse, nas combinacións que máis lle conveñan ao cliente para Falar e Navegar, a opción de acceder á Rede con tarifas planas de 15 e 25 euros, que incorporarán 500 Mb e 2 Xb de tráfico, respectivamente. Para os usuarios que requiran máis capacidades, tamén haberá ofertas que chegan até os 10 Xb, informa Telefónica. E engade: “Tódolos clientes que decidan contratar unha tarifa de datos móbiles terán un desconto de cinco euros sobre os prezos antes descritos se son usuarios de ADSL Movistar; deste xeito, a tarifa plan que inclúe 500 Mb só terá un custe de 10 euros para os clientes máis fieis a Movistar, e será válida e compatíbel con calquera modelo de teléfono”. Amais disto, as persoas que contraten tarifas planas de datos terán tódalas mensaxes de texto ao móbil de balde.

PUBLICIDADE