Telegram estrea subscrición de pagamento

luns, 20 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Aproveitando a celebración da superación dos 700 millóns de usuarios activos ao mes en Telegram a plataforma de mensaxería anuncia o lanzamento de servizo de subscrición de pagamento Telegram Premium, que dará aos usuarios acceso a funcións adicionais exclusivas, aínda que o seu obxectivo real é a de apoiar economicamente a Telegram para garantir a súa subsistencia.
Aínda que será posible seguir a utilizar Telegram completamente de balde, os usuarios de pagamento poderán gozar de menos limitacións, podendo subir arquivos de até 4 GB, gozando de descargas máis rápidas, gozando de adhesivos e reaccións exclusivas, contando cunha xestión de chats mellorada e moitos outros detalles (como poder seguir até 1.000 canles e crear até 20 cartafoles de chats con até 200 chats cada un).
Telegram Premium tamén inclúe unha ferramenta de conversión de voz a texto (para poder coñecer o contido das mensaxes de voz sen ter que escoitalas), permite utilizar fotografías de perfil animadas e tamén elimina os anuncios nas canles públicas.
Unhas vantaxes que non parecen ser dabondo para xustificar o pagamento dunha conta de 5,49 euros/mes, pero cómpre salientar que realmente o que fan os subscritores é contribuír economicamente á sustentabilidade de Telegram.

PUBLICIDADE