Televés acolleu o arranque da fase piloto de Activage Galicia, proxecto TIC a prol do envellecemento activo

xoves, 16 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

As instalacións da Corporación Televés, en Compostela, acolleron onte a posta en marcha da primeira proba piloto dun ambicioso proxecto europeo de I+D+i destinado a crear solucións concretas a prol da saúde na terceira idade e o envellecemento activo. Estamos a falar do proxecto Activage, no que participan Televés, Cruz Vermella, a Fundación Vodafone España, a Universitat Politècnica de Valencia e mailo Servizo Galego de Saúde (SERGAS), contándose coa colaboración da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fundación Tecsos. O arranque da fase de pilotaxe celebrada onte realizouse empregando unha contorna simuladora que, segundo nos conta Televés, representa unha vivenda tipo. Neste fogar medio leváronse a cabo probas para validar a axeitada integración do equipamento de seu, recursos como sensores, actuadores ou rexistros, en relación aos sistemas de información e xestión do SERGAS e a Cruz Vermella.
Estes traballos terán continuidade futura, alén da simulación, cando se desenvolvan pilotos con usuarios reais nas súas vivendas habituais. O obxectivo é abranguer 700 fogares en Galicia no prazo de dous anos. Para isto, as entidades participantes en Activage están a traballar xa na selección dos usuarios e na definición de modelos formativos.
E cal é o obxectivo concreto de todo isto? Segundo informa en detalle Televés, “trátase de avanzar cara a solucións de coidados a distancia, o que se coñece como telecoidado no fogar, e na detección temperá dos riscos ligados ao envellecemento e a deterioración cognitiva, a través da análise das rutinas de conduta e o seguimento de pacientes crónicos”. Os resultados que se obteñan servirán tamén para construír unha rede social dixital con vídeo-comunicación entre persoas maiores. Esta comunidade dixital será tamén unha panca contra “o illamento e a soidade” na que viven inmersos moitos dos nosos maiores, sendo esta unha tendencia crecemento polo envellecemento da poboación.
“A visión de Activage”, engaden as entidades participantes e colaboradoras, “é ser un referente global para demostrar que ecosistemas estandarizados, seguros e interoperábeis, facilitan novos modelos de negocio e solucións efectivas para promover o envellecemento activo e saudábel”.
En termos máis xenéricos, Activage é unha iniciativa de I+D+i baseada nas tecnoloxías da información que ten por obxecto desenvolver solucións baseadas en Internet das Cousas para facer fronte ao aumento da esperanza de vida, promovendo o envellecemento activo e saudábel. Está apoiada polo Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea Horizonte 2020, e conta cun orzamento de 25,3 millóns de euros e un prazo de execución de 42 meses.
Nela traballan medio cento de entidades de toda Europa, de xeito conxunto e coordinado, sendo a súa meta, como dixemos, “construír un ecosistema interoperábel e aberto para o despregue de solucións tecnolóxicas que incrementarán a seguridade das persoas maiores e favorecerán o mantemento da súa independencia e a súa participación social”. Ademais, o ecosistema será un elemento de loita contra as consecuencias negativas das doenzas crónicas e a deterioración cognitiva.
Para alcanzar as metas propostas, puxéronse en marcha nove centros de desenvolvemento (deployment sites) en Grecia, Emilia Romagna (Italia), Isère (Francia), Woquaz (Alemaña), Leeds (Gran Bretaña), Finlandia, Comunidade Valenciana, Madrid e Galicia. En cada unha destas contornas realizaranse probas piloto innovadoras e de gran escala nas que, en conxunto, participarán uns 7.200 usuarios e máis de 43.000 dispositivos de Internet das Cousas.

PUBLICIDADE