Televés amosa o seu concepto de fogar conectado no salón xermano da banda larga, ANGACOM

mércores, 29 de maio do 2013 Redacción

A empresa compostelá Televés vén de confirmar que participará un un ano máis en ANGACOM (antiga ANGA Cable), unha das grandes citas europeas (probablemente a máis imporante) dos sectores produtivos ligados ao cable, o satélite e a banda larga (a celebrar do 4 ao 6 de xuño en Köln, Alemaña). Desta volta, a compañía amosará en detalle os seus máis recentes achados en materia de fogar dixital, facendo fincapé nunha consola de seu desde a que se controla toda unha diversidade de servizos adaptados ás necesidades particulares de cada usuario.
Sobre este concepto, informa Televés, dedicarase especial atención ás aplicacións da dita consola, destacándose unha aplicación de prevención socio-sanitaria desenvolvida para atender as necesidades de persoas maiores e permitirlles levar unha vida independente.
Televés amosará tamén os seus últimos produtos e solucións para os instaladores e integradores profesionais de telecomunicacións, así como para os operadores de redes. En particular, na caseta da compañía en ANGACOM “os visitantes poderán coñecer de primeira man o novo medidor de campo portátil H30, que reúne nun formato compacto as mellores prestacións para a certificación de instalacións”. Asemade, exporanse os novos módulos para cabeceiras de distribución T.0X, desenvolvidos para o remultiplexado de servizos tanto en modulación DVBS2 como DVBT2.

PUBLICIDADE