Televés confírmase como a entidade galega coa maior capacidade innovadora do seu sector

mércores, 20 de xuño do 2012 Raquel Noya

A firma compostelá de telecomunicacións, Televés, vén de facer reconto das patentes que leva presentadas dende o ano 2000 ata a actualidade, e a cifra ascende a 40 solicitudes de patentes e 19 modelos de utilidade, o que a confirma como “a compañía de meirande capacidade innovadora no seu sector”, segundo afirmou o seu equipo responsable, que engadiu que “é ademais a entidade privada galega con máis invencións presentadas ante a Oficina Española de Patentes e Marcas”.
As patentes presentadas por Televés no período comprendido entre o ano 2000 e a primeira metade de 2012 abarcan invencións en materia de antenas, transmisión de imaxe, difusión (broadcast), transmisión de información dixital, comunicacións telefónicas, circuítos impresos, control de amplificación e sintonización de circuítos resoantes, o que representa unha boa mostra de que a actividade innovadora da compañía mantívose constante ao longo dos últimos doce anos.
Asemade, segundo informan, obtiveron “récords anuais de patentes en 2001 e 2006”, anos nos que rexistraron sete solicitudes; así como un pico de cinco modelos de utilidade no ano 2010.
O 62% das solicitudes de patentes e modelos de utilidade din que foron rexistrados en España, mentres que un 18% xestionouse a través da Oficina Europea de Patentes, que se suman ás que a compañía presentou en Alemaña e Portugal.
A clave da compañía para ser un “actor da vangarda no cambio tecnolóxico no mundo da televisión” din estar directamente asociada “ao seu forte investimento en I+D+i”, a través dunha unidade de Investigación, Desenvolvemento e Innovación de seu, creada no ano 1971 e na que traballan actualmente máis de 60 profesionais.
O investimento da compañía galega en I+D+i no 2001 superou os 8 millóns de euros.

PUBLICIDADE