Televés participa no 34 Encontro da Economía Dixital

martes, 1 de setembro do 2020 S. P.

A compañía galega Televés Corporación vai estar presente na 34 edición do Encontro da Economía Dixital e as Telecomunicacións, que organiza AMETIC (a patronal española da industria das novas tecnoloxías da información) nesta primeira semana de setembro (do 2 ao 4) baixo o lema de Dixitalización e Sustentabilidade para a reconstrución, agora o nunca? As xornadas, que tamén veñen da man do Banco Santander e da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), serán este ano unhas xornadas multisede: amais de en Santander, celebraranse en Madrid, Málaga e Barcelona. Televés compartirá escenario con Google, Amazon, Samsung, LG, Tinámica e outros players tecnolóxicos de primeiro nivel internacional.
José Luís Fernández Carneiro, director xeral de estratexia de Televés Corporación participará o día 2 de setembro na sesión A seguridade postCOVID nas Cidades Intelixentes.
Este evento, tamén coñecido en redes como #santander34 pola súa tradición de celebración na Universidade Internacional Menéndez Pelayo da devandita cidade, chega nun intre decisivo para o sector, agora que unha manchea de empresas e entidades de todos os ámbitos e sectores encaran o desafío da transformación tecnolóxica ante as continxencias que pon en xogo a pandemia.
Durante o encontro, os máximos responsábeis do sector privado e do sector público debaterán abertamente sobre o papel que a dixitalización e a sustentabilidade van xogar no deseño do país que todos queremos ter.
Xunto á cuestión da COVID, debaterase sobre o papel das asociacións empresariais na reconstrución social; a necesidade dun novo contrato social; a dixitalización das pemes; a nube nas institucións, cidadáns e empresas; e outras tendencias tecnolóxicas como a computación cuántica, a Industria 4.0, a Intelixencia Artificial, a cadea de bloques ou o Smart Agro, entre outros asuntos.
As xornadas serán de acceso internacional aberto a quen queiran participar.

PUBLICIDADE