Telltale oferta varias das súas aventuras gráficas para apoiar a causas benéficas

mércores, 13 de abril do 2016 Marcus Fernández

Durante un par de semanas o proxecto solidario Humble Bundle está a ofrecer un atractivo lote de xogos para PC de Telltale Games, ou sexa, aventuras gráficas moi recoñecidas de franquías moi recoñecibles como Los Muertos Vivientes, Fábulas, Game of Thrones ou Regreso ao Futuro, que son unha aposta segura para os que queiran gozar destas historias interactivas no seu ordenador e á vez apoiar a entidades sen ánimo de lucro como Direct Relief e Girls Who Code.

The Walking Dead é unha das franquías que máis sona deu a Telltale Games

As persoas que acheguen a partires de 1 dólar poderán facerse con códigos de Steam para os xogos Back To The Future (Regreso ao Futuro), Sam & Max: Devil’s Playhouse, Poker Night at the Inventory, Puzzle Agent 1 & 2 e The Walking Dead - Season 1 (primeira tempada de Los Muertos Vivientes); os que paguen máis da media (pouco máis de 8 dólares) poden facerse con The Walking Dead: 400 days (entadido para o xogo anterior), The Wolf Among Us (aventura inspirada na banda deseñada Fábulas), Poker Night 2, Tales from the Borderlands e algún xogo máis que se incorporará ao bundle durante a semana que vén; e, finalmente, os que paguen a partires de 12 dólares poderán facerse con xogo máis recentes, como son The Walking Dead - Season 2 (segunda tempada de Los Muertos Vivientes) e Game of Thrones (historia paralela á que presenta a célebre serie televisiva co mesmo nome, e na que aparecen moitos dos seus protagonistas).
Todos estes xogos están dispoñibles a través de Steam, sendo compatibles con equipos con Windows, OS X e Linux.

O xogo de Game of Thrones transcorre paralelamente á serie televisiva, pero contando a historia que non afecta aos acontecementos principais

PUBLICIDADE