Telocompro.es habilita espazos para o bookcrossing nas súas tendas da Coruña e Ferrol

mércores, 20 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

O mercado de obxectos antigos ou de segunda man acáelle ben ao trasfego de libros, e máis aínda se do que estamos a falar é do mercado en liña: as opcións de que un volume pase dunhas mans a outras, beneficiándose quen envía e quen recibe, multiplícanse. Na liña de tirar proveito de todos elementos postos en xogo a prol do saudable exercicio da lectura, os responsables da web galega de poxas en liña www.telocompro.es veñen de pór en marcha nas tendas que teñen na nosa terra un proceso de recollida de libros para participar directamente na práctica cada vez máis estendida do bookcrossing, dos que os establecementos de telecompro son desde esta semana zonas oficiais de recollida. Máis concretamente os locais das rúas Xeneral Sanjurjo (nº 128) e San Xosé (nº3), os dous na Coruña, e máis a tenda situada na rúa Arce (nº31) de Ferrol.
En virtude desta iniciativa, informan os responsables de Telocompro.es (vellos coñecidos desta web, aos que xa puidemos entrevistar para a nosa revista en papel hai agora un par de anos), calquera persoa que se pase polos ditos establecementos poderá deixar ou coller libros de xeito gratuíto.
Todo isto tal e como se especifica nas bases da práctica do Bookcrossing, unha forma de acceder á lectura que ten moito que ver co ideario do software libre para a informática en xeral (foméntase o intercambio sen atrancos e o máis espírito do ben colectivo) e que, a fin de contas, vén moi a conto nestes tempos de ingresos á baixa.
Por certo que co fin de celebrar estes hábitos a prol da lectura, o portal galego de Internet convocou hai tempo un concurso de creación de imaxe da compaña do que resultou gañador Isabel Martínez Gestal, deseñadora da Coruña. O obxectivo dos responsables de Telocompro é apoiar a iniciativa cedendo un lugar nas súas tendas para os libros de balde, pensando sempre na importancia do fomento da lectura.

PUBLICIDADE