Tesla libera as súas patentes para potenciar a produción de coches eléctricos

venres, 13 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Fotografía de Steve Jurvetson do vello muro de patentes de Tesla Motors

Unha das compañías que está detrás da tecnoloxía dos automóbiles do futuro, Tesla Motors, vén de facer un anuncio sorprendente: retirou as patentes que ten enmarcadas nun salón das súas instalacións en Palo Alto polo seu compromiso co movemento do código aberto, xa que para fomentar os avances na tecnoloxía de coches eléctricos decidiu anunciar que non vai frear a innovación facendo uso das súas patentes, comprometéndose a non emprender accións contra ningunha iniciativa que de boa fe faga uso da súa tecnoloxía.
O director xeral de Tesla, Elon Musk, asegura que cando creou a súa primeira compañía as patentes víanse como algo positivo, pero agora mudou de opinión, e pensa que recibir unha patente é como mercar un billete de lotaría que pode levar a ter que meterse en loitas xudiciais no futuro, o que derivou nun atranco ao progreso e nunha ferramenta que só parece beneficiar ás grandes corporacións. Tamén lembra que cando iniciou o proxecto de Tesla decidiron protexer con patentes o seu traballo para que as grandes compañías de automóbiles non copiasen a súa tecnoloxía para producir coches en masa, pero en vista de que o que está a pasar é xusto o contrario (o número de coches eléctricos á venda non chega ao 1% do total), consideran oportuno liberar a súa tecnoloxía para poder dar un pulo á produción de automóbiles eléctricos para poder reaccionar antes de que o mercado dos carburantes estea nunha situación crítica.

PUBLICIDADE