The Phone House deixa de comercializar produtos e servizos de Movistar

mércores, 8 de xuño do 2016 Marcus Fernández

O mercado da telefonía móbil en España está dominado comercialmente polas tendas propias de operadores de telefonía e por cadeas con grande presenza como The Phone House, que vén de sorprender cunha nova que figura na fe de erratas do seu catálogo de xuño, na que comunica que a partires do pasado día 3 a cadea con máis de 300 establecementos en territorio español deixou de comercializar produtos e servizos de Movistar, compañía coa que levaba traballando preto de dous anos.
Ao parecer The Phone House non tería acadado os obxectivos comerciais fixados no acordo con Movistar, polo que ambas compañías cesarían a súa colaboración. Actualmente The Phone House comercializa produtos e servizos de Vodafone, Orange, Yoigo, Jazztel e MásMóvil, e está sumida nunha deriva baixista, con peche de tendas e despedimento de traballadores ante a redución do volume de negocio, tendencia que parece imparable e que responde principalmente á compra de smartphones a través da Internet e fóra de operadores de telecomunicacións, o que prevé que se agravará coa chegada este mesmo ano das tarxetas SIM virtuais.

PUBLICIDADE