Threads supera os 100 millóns de usuarios en menos de 5 días

luns, 10 de xullo do 2023 Marcus Fernández

O pulo de Threads non cesa, pese a non estar aínda dispoñible en Europa, e esta aplicación que supón a principal ameaza para Twitter dende que Elon Musk se fixo coa plataforma, a menos de 5 días do seu lanzamento conseguiu superar a barreira dos 100 millóns de altas e incluso está a afectar drasticamente á actividade en Twitter, que segundo datos de Cloudflare estaría a agudizar a súa caída.
O que si deixa claro o crecemento meteórico de Threads é que na actualidade é moi doado atraer a unha grande masa de usuarios en moi pouco tempo, como acontecera con ChatGPT (que chegara aos 100 millóns de usuarios activos a 2 meses da súa apertura ao público) e TikTok (que tardara 9 meses en superar tal barreira simbólica).
O máis interesante do lanzamento de Threads é que, pese a que a aplicación aínda presenta moitas carencias, está a ter unha actividade moi alta por parte dos seus usuarios, no que semella unha clara resposta aos problemas que Twitter experimenta dende a súa adquisición por parte de Musk.
Moitos usuarios están a esforzarse para conseguir que Threads sea o seu novo espazo para o tipo de comunicación que realizaban en Twitter, e incluso dá a impresión de que os responsables de Instagram están a conseguir un dos seus obxectivos: atraer as conversas positivas e librarse polo momento da toxicidade que impera actualmente en Twitter (en boa medida por mor de medidas adoptadas por Musk como reducir os recursos á moderación de contidos e devolver o acceso aos usuarios que foran expulsados por incumprir as normas do servizo de xeito reiterado).
En novembro estimábase que Twitter tiña uns 260 millóns de usuarios activos ao día, e aínda que caese bastante nos últimos meses, semella que aínda falta bastante para que Threads poida eclipsar a esta plataforma, sendo bastante probable que poidan coexistir, aínda que con tons e usos bastante diferentes.

A caída de uso de Twitter nos últimos días parece terse agravado

PUBLICIDADE