Todo listo para o comezo do Foro de Innovación para o Emprego

martes, 14 de xuño do 2016 Redacción

Finalmente comeza este mércores en Santiago o Foro da Innovación para o Emprego 2016. O evento, moi envorcado coas TIC e as súas posibilidades para atoparmos un posto de traballo, celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións os días 15 e 16 de xuño. Segundo informa o Concello sobre os datos previos de participación, recibíronse 129 ofertas de 78 empresas diferentes, rexistráronse máis de 3.200 inscricións das persoas usuarias nesas ofertas e foron remitidos ás empresas máis de 800 currículos que se axustaban aos perfís requiridos. No que se refire ás actividades formativas, o programa inclúe máis de 30 obradoiros. A maiores, como lembraremos, nas semanas previas desenvolvéronse diversos cursos previos, relacionados coas novas tecnoloxías e a marca dixital na busca de emprego, vía e-learning e webinar, nos que participaron máis de 1.100 persoas.
Os propios días do evento haberá máis de 30 actividades formativas e de información sobre o mercado laboral, entre as cales estarán: obradoiros para a busca de emprego 2.0; cursos de programación e robótica; relatorios como Todo o que necesitas para atopar emprego e Crearán os robots máis emprego do que destruirán?; a actividade Presenta, convence, conquista (que inclúe formación teórica e práctica sobre oratoria, imaxe persoal, así como xestión de redes e recursos audiovisuais para o emprego); a presentación de empresas e proxectos innovadores no eido laboral, etc.
Nas diversas actividades participarán máis de medio centenar de formadores/as e profesionais especializados. Segundo informa o Concello, “a maioría de actividades contan cun abano amplo de horarios para que as persoas asistentes poidan organizar a xornada segundo o seu interese”. A organización tamén lembra que aínda fican prazas dispoñíbeis en diversas actividades, sendo necesario inscribirse a través da web axencialocaldecolocacion.org.

PUBLICIDADE