Toupa.net celebra o seu primeiro ano de vida con custe cero nos envíos

xoves, 5 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Hai agora un ano, chegaba á nosa redacción a nova sobre posta en marcha dun máis que interesante negocio en liña sobre cultura, importante ao noso xuízo dende tódolos puntos de vista: porque abría novos vieiros de actividade na nosa terra, porque amosaba potencial para potenciar a nosa cultura e porque facilitaba ao máximo os procedementos para achegármonos aos libros. Falamos de Toupa.net, iniciativa que deixa tras de si o seu primeiro ano de vida e recoñecementos tan salientables como o premio EGANET á mellor iniciativa de comercio electrónico. Pois ben, os responsables da web non queren deixar pasar a oportunidade de celebrar cos internautas o primeiro aniversario e xa están a pór en marcha unha serie de iniciativas.
Por exemplo, agasallar aos clientes con custes cero no que a subministros se refire. A oferta, activa até o vindeiro 8 de maio, abrangue os pedidos feitos dende o 27 de abril até as 23.59 do devandito día de peche.
Con estas e outras iniciativas, os responsables de Toupa.net queren conmemorar un ano de éxitos materializados nas seguintes cifras:
· Unha listaxe de 3.000 fichas de artigos, autores e editoras.
· Máis de 1.3000 usuarios e usuarias rexistrados/as en Toupa.net.
· Máis de 2.200 amigos e amigas entre Facebook e Twitter arroupando a iniciativa.
Lembrar, para quen non saiba aínda en que consiste o traballo despregado por esta web, que se trata dunha tenda en liña posta en marcha pola firma luguesa Lonxa Cultural baixo o lema cultura para levar. Entre os seus servizos, achega un completo catálogo de música, libros, cómics e DVD en galego ou de autores galegos, que en moitos casos son difíciles de atopar nas canles convencionais, e que vense aquí recompiladas, prestando unha especial atención ao material infantil.
A nova páxina web foi desenvolvida pola empresa compostelá Inxenio Internet Consulting, e está apoiada por presenza en Twitter e en Facebook, así coma por un blog.

PUBLICIDADE