Touriño inaugura en Santiago o Encontro de Empresarios Galegos en Rede

luns, 21 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Santiago acolle dende hoxe e até o venres o encontro duns 200 empresarios galegos (e vinculados a Galiza) encamiñado a crear fronte común apoiándose nun elemento que semella unir máis do que afasta: as novas redes da información. A xuntanza, que está promovida polo Instituto Galego de Promoción Económica, foi inaugurada no Pazo de Congresos de Santiago polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen fixo fincapé no que considera as dúas bazas máis salientables dos empresarios galegos no eido exterior, dous factores de competitividade “propios”: por unha banda, o tecido de empresarios galegos espallados polo mundo coma unha liña continua de colaboración que abrangue practicamente todos os países e, pola outra, a nosa situación xeográfica, “como ponte de relación entre ambas beiras do Atlántico”, dixo.
O Encontro de Empresarios Galegos en Rede vaise estender até o venres 25 e ten un obxectivo xeral e outro máis concreto. O primeiro ten que ver coa necesidade de crear fronte común, tanto nos aspectos sociais, culturais e políticos da vida como no eido empresarial, fomentando a cooperación e o intercambio de coñecemento. O segundo está vinculado ó pulo que se lle quere dar dende a Xunta á rede virtual Galicia Exterior, co fin establecer alianzas comerciais, tecnolóxicas e profesionais, amais de promover investimentos individuais ou conxuntos”, sinala o Igape, quen contará na organización coa axuda da Fundación Galicia Emigración, entre outras entidades.
Por certo, quen queira acceder ó programa completo de actividades (continuas ó longo de toda a semana), ten á súa disposición este documento pdf habilitado polo Igape.

PUBLICIDADE