Tourist Inside II dotará media ducia de oficinas turísticas de Pontevedra dunha ferramenta para xestionar o fluxo de persoas

mércores, 20 de setembro do 2023 S. P.

Segue adiante o programa Tourist Inside II, impulsado pola Deputación de Pontevedra para facilitar a transformación dixital do destino Rías Baixas. Desta volta iniciáronse dúas novas iniciativas. A primeira consiste en dotar seis oficinas de información turística da provincia dunha ferramenta para xestionar o fluxo de persoas e controlar a capacidade. A segundo será un curso en liña para formar o persoal das oficinas na xestión de destinos turísticos intelixentes. Ambas as dúas medidas suporán un investimento de 36.000 euros.
No referido á ferramenta de xestión do fluxo de persoas e control da capacidade e distanciamento social nas oficinas adheridas á rede Info Rías Baixas, beneficiaranse o palacete das Mendoza (sede central e punto de información de Turismo Rías Baixas en Pontevedra) e outros cinco puntos dos 32 que compoñen a rede, concretamente as oficinas turísticas dos concellos de Baiona, Mondariz-Balneario, Redondela, Sanxenxo e Tui, todas elas cunha superficie de máis de 50 m2. A plataforma e os dispositivos asociados permitiranlle á Deputación “obter información estratéxica e operativa para avanzar na mellora dos servizos que presta actualmente a rede”. Os datos, que se obterán en tempo real e con alta precisión, permitirán unha xestión máis intelixente e mellorada para darlles un mellor servizo ás persoas visitantes.
En canto á formación que recibirá o persoal das oficinas, trátase dun curso en liña de 40 horas de duración que permitirá responder á demanda de formación das e dos técnicos turísticos municipais do destino Rías Baixas no eido da xestión intelixente. O programa teórico-práctico permitiralles coñecer os principais conceptos do modelo de Destino Turístico Intelixente (DTI) para axudar a que a provincia de Pontevedra se converta nun espazo innovador e xerador de intelixencia turística.
Como dixemos, Tourist Inside II é un programa da Deputación de Pontevedra que busca avanzar na transformación dixital da provincia de Pontevedra como DTI, para mellorar a eficiencia enerxética e mediante a vixilancia tecnolóxica asociada á actividade turística da provincia. O programa está financiado cos fondos Next Generation da UE, polo programa de axudas á transformación dixital e modernización das entidades locais que forman parte da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.

PUBLICIDADE