Trasno organiza este mes na Coruña a súa festa dos localizadores ao galego de software libre
venres, 11 de maio do 2012
O Proxecto Trasno, comunidade galega sen que a
non serían posíbeis logros como a adaptación ao noso idioma
de Inkscape, o xogo A batalla
por Wesnoth, o navegador
Chrome OS ou a distribución
Ubuntu (entre outras moitas achegas), vai organizar este mes unha nova
edición da súa xuntanza-festa da
localización, un evento ao que estamos todas/os convidadas/os, que xa vai
pola súa cuarta convocatoria e que se celebra este ano (logo das estadías en
Ordes, Ourense e Vigo) no Centro Ágora da Coruña, os días 18 e 26 de maio. A
Trasnada 12.0, xuntanza na que se dá cita unha boa parte da cosa comunidade de
usuarios-tradutores de software libre, servirá entre outras cousas para fixar
terminoloxía e exporlle ao público o importante traballo desenvolvido por
Trasno.
Como novidade nesta nova edición, informan os
integrantes da comunidade, o evento artéllase en dúas xeiras, a segunda (a do
26 de maio) convocada co obxectivo concreto de informar polo miúdo das vantaxes
e procedementos básicos da localización ao noso idioma de software aberto,
facilitar a súa aprendizaxe e incorporación ao Proxecto.
Segundo informan os membros de Trasno, unha trasnada é algo máis que un punto de
encontro para as persoas que traballan ao abeiro do Proxecto, aínda que tamén é
iso. En boa medida, organízase como unha sesión de traballo para acadar acordos
(importantes de cara a lograr a meirande uniformidade nas tarefas, evitar
duplicidades, lograr a maior comunicación posíbel entre os integrantes) e
planificar o futuro.
“Coma
noutras ocasións”, contan, “e buscando
producir traducións de calidade, o tema do debate, o miolo do mesmo, será a
terminoloxía no eido da tradución”. A maiores, a Trasnada 12.0 fará de
elemento visibilizador do proxecto, que amosará tódolos elos da súa cadea e os
seus procesos, constituíndose a cita como unha porta de entrada e de
aprendizaxe para tódalas persoas que queiran subirse ao carro da localización. Por
certo que o evento poderase seguir a través da Rede. Así, os membros da
asociación terán a oportunidade de participar na cita polas canles IRC do
proxecto. As novas que se vaian producindo iranse subindo aos nosos perfís nas
redes sociais (véxase a sección de chíos no web). A continuación damos conta do
programa de actividades, punto por punto.
Programa das xornadas
Venres 18 de maio
1. Sesión de tarde:
Destinada a: persoas interesadas na
localización e público xeral
Lugar: Aula 9, Centro Ágora
19:00 Que é o Proxecto Trasno? Que é a
localización?
21:00 Peche da sesión
Sábado 26 de maio
1. Sesión de mañá:
Espazo 1
Destinada a: persoas interesadas na
localización
Lugar: Sala informática, Centro Ágora
10:00 Apertura da xornada
10:15 Inicio da discusión de terminoloxía
13:00 Asemblea Xeral Ordinaria da AC Proxecto
Trasno
14:00 Descanso para xantar
Espazo 2
Destinada a: persoas interesadas na
localización e público xeral
Lugar: Aula 9, Centro Ágora
10:30 "Introdución á localización de
software libre"
11:30 Obradoiro práctico de localización
13:30 Entrega de agasallos para os asistentes.
14:00 Descanso para xantar
2. Sesión de tarde
Espazo 1
Destinada a: tradutores e interesados na
terminoloxía informática
Lugar: Sala informática, Centro Ágora
16.00 Sesión de terminoloxía (continuación)
20:00 Peche da sesión
Espazo 2
Destinada a: persoas interesadas na
localización e público xeral
Lugar: Aula 9, Centro Ágora
16:30 "Introdución á localización de
software libre"
17:30 Obradoiro práctico de localización
19:30 Entrega de agasallos para os asistentes.
20:00 Peche da xornada