Trinta empresas innovadoras van poder internacionalizar os seus produtos coa axuda de Galicia Avanza

venres, 15 de xullo do 2022 S. P.

O programa Galicia Avanza, iniciativa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas, vai achandar o camiño cara ao exterior de trinta empresas innovadoras da nosa terra, que poderán dar un impulso decisivo aos seus produtos e servizos. O programa, como lembraremos, púxose en marcha como resultado da colaboración entre a Consellería de Economía (a través da Axencia Galega de Innovación, GAIN, e do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Nesta iniciativa van participar 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade, seleccionadas entre as 42 presentadas.
O obxectivo do programa é “que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñiíbeis ou moi próximas ao mercado, alcancen a presenza e/ou o fortalecemento no mercado exterior no menor tempo posíbel”. Búscase tamén incrementar a súa capacidade para atraer financiamento externo, maximizando a captación de fondos públicos ou privados. Traballarase ademais na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas, entre outros aspectos.
O programa apoiará a empresas de sectores moi diversos: alimentario, sanitario, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), turístico, enerxético, biotecnolóxico, ata aeroespacial
As pemes seleccionadas pertencen a sectores moi diversos e ofrecen produtos e servizos moi dispares, como unha copa menstrual elaborada con silicona platino, mobiliario e outros produtos de deseño fabricados con plástico reciclado, unha empresa do eido aeroespacial dedicada ao desenvolvemento e fabricación de pequenos satélites que busca posicionarse como provedor de referencia no fornecemento de misións completas, unha firma que comercializa un módulo de vivenda a partir de contedores marítimos destinado principalmente a campings, ata unha empresa dedicada ao desenvolvemento e comercialización de produtos biolóxicos para o control de pragas e enfermidades no ámbito agroforestal.
No eido da biotecnoloxía, apoiarase unha plataforma para o procesado automático de neuroimaxes asistido por Intelixencia Artificial; unha empresa que obtén e comercializa biotoxinas mariñas con interese para as industrias agroalimentaria, téxtil e cosmética; unha firma que pretende aproveitar o auxe internacional da cosmética natural e ecolóxica mediante un aceite ozonizado con propiedades antisépticas, antioxidantes, cicatrizantes e rexenerantes que eles mesmos producen.
No ámbito da saúde, seleccionouse unha ferramenta para a dixitalización do servizo de alimentación en hospitais e residencias, unha plataforma que optimiza o proceso de asignación e planificación dos pacientes e recursos das unidades de radioterapia oncolóxica, ademais dun software de análise de datos para a súa aplicación nas primeiras fases de descubrimento de fármacos.
O sector TIC está presente a través dunha oficina virtual de atención cidadá, unha plataforma baseada en tecnoloxía WebRTC que permite a operadoras e grandes empresas crear casos de uso personalizados extendendo as redes de comunicación VoIP a calquera dispositivo que teña conexión a Internet, ou unha ferramenta que axuda á toma de decisións con utilidade para a análise e avaliación de políticas locais e rexionais.

PUBLICIDADE