Trinta pemes van poder internacionalizar os seus produtos innovadores a través de Galicia Avanza

mércores, 26 de abril do 2023 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) acolleu este 26 de abril a presentación formal das empresas beneficiarias da segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras Galicia Avanza, iniciativa activada en 2022 grazas ao traballo conxunto da Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e máis o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Na presentación participou a directora da dita axencia, Patricia Argerey, quen salientou a alta participación contabilizada nesta convocatoria, que, segundo dixo, aumentou un 43% respecto da primeira celebrada en 2022, un “dato que constata o interese polo programa e a maior competencia entre as candidatas”, engadiu. Argerey tamén apuntou que as trinta pemes seleccionadas proceden das catro provincias galegas e de sectores moi diversos como a alimentación, a saúde, a enerxía, o téxtil ou as novas tecnoloxías, entre outros.
A maiores, explicou que estes datos son “especialmente satisfactorios” para o seu departamento na medida en que cumpren cun dos obxectivos do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que “é aumentar a base de empresas innovadoras galegas”, especialmente entre as pemes e microempresas, xa que “a innovación está ao alcance de todos, non é unha cuestión de tamaño, localización ou sector”.
Ademais, Argerey subliñou que “apoiando a chegada ao mercado exterior de solucións innovadoras galegas contribúese a impulsar a apertura e visibilidade internacional do ecosistema galego de innovación, reforzando así o atractivo da Marca Galicia a nivel internacional no ámbito da innovación, en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) 2021-2027”.
Ademais das empresas beneficiarias, acudiron ao evento as consultoras que as guiarán e asesorarán neste proceso ao longo dos vindeiros meses. Nesta edición, o período de implementación do programa prolóngase a 10 meses, o que permitirá afondar máis nas necesidades das empresas e intensificar a aceleración.
As pemes seleccionadas accederán a un programa integral de apoio á internacionalización entre abril deste ano e febreiro de 2024, con itinerarios personalizados. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posíbeis colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, na innovación e en incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.
Segundo lembrou Aregerey, as pemes beneficiarias pertencen “a sectores moi diversos” e ofrecen produtos e servizos moi dispares. No eido das novas tecnoloxías seleccionouse una empresa que emprega a identificación por radiofrecuencia e a Visión Artificial para a xestión de inventarios e a rastrexabilidade das cadeas de subministración; outra que persegue internacionalizar a súa plataforma destinada a optimizar a relación entre as entidades sanitarias e as aseguradoras do eido da saúde; unha plataforma baseada na tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain) que permite ás organizacións sen ánimo de lucro xestionar as súas doazóns de maneira dixital; unha firma que desenvolve robots limpacristais, fregasolos e robots que limpan paneis fotovoltaicos; un sistema baseado na tecnoloxía IoT (Internet das Cousas) que permite a monitoraxe das cafeteiras espresso e dos muíños de café para a canle food service; un sistema robótico para a recollida e amoreado de pezas a granel; xunto a unha plataforma web para apoiar o estudo e realización de instalacións medioambientais cun grande aforro de tempo e recursos.
No ámbito alimentario vaise impulsar a internacionalización dunha firma que fabrica estoxos para conxelados e embalaxe para conserva de peixe; outra que quere comercializar o seu coñecemento na produción de ovos e produtos derivados do ovo; unha consultoría centrada no sector pesqueiro e agroalimentario; unha empresa que comercializa cóctels; unha firma familiar que vende polbo ultraconxelado; outra que elabora complementos alimenticios en formato gominola, sen azucre nin alérxenos, e gominolas sen azucre; ademais dunha fábrica de chocolate artesá.
No ámbito da saúde hai unha peme que desenvolve técnicas baseadas na fluorescencia para o descubrimento de novos fármacos; unha primeira plataforma-app especializada en formación e teleformación para o sector sociosanitario; así como un acumulador de auga quente sanitaria.
Varias das propostas céntranse no eido enerxético, como unha firma referente a nivel mundial na formación eólica que busca a exportación directa dos seus cursos; outra que ofrece produtos e servizos relacionados co hidróxeno verde e a súa implantación en procesos industriais actuais ou para novas aplicacións como dispensadores de hidróxeno para vehículos industriais; e outra que quere reforzar a exportación dos seus produtos de caldereiría e frío industrial.
No campo da sostibilidade, seleccionouse unha firma especializada no deseño e fabricación de cociñas orgánicas e sustentábel; unha empresa dedicada á fabricación artesanal de calzado infantil, con materiais reciclados, ecolóxicos e naturais; outra que desenvolve fertilizantes minerais innovadores e sostibles; xunto a unha peme que busca internacionalizar a súa braga menstrual de baixo impacto ambiental.
Entre as beneficiarias, hai tamén unha empresa dedicada á xestión de riscos biolóxicos e á fabricación de embalaxes para o transporte de materias biolóxicas; unha tecnolóxica que busca expandir e implementar o seu sistema para a xestión da auga en Angola e Tanzania; unha empresa que deseña e elabora produtos para profesionais do viño e a restauración; unha peme que fabrica pixamas e roupa de casa; e unha consultoría que axuda ás empresas a resolver problemas ligados á perda de competitividade debida á mala saúde ou desmotivación dos seus traballadores.

PUBLICIDADE