Tripadvisor confirma a súa aposta pola tecnoloxía smartwatch cunha aplicación para Android Wear

luns, 1 de xuño do 2015 Redacción

Tripadvisor, plataforma web de viaxes, anunciou hoxe o lanzamento da súa aplicación para smartwatch co sistema Android Wear. Trátase dunha ferramenta de balde, dispoñíbel xa en Google Play e co obxectivo de axudar aos viaxeiros a atopar actividades próximas con acceso directo ao que contan os restantes usuarios da comunidade Tripadvisor sobre o lugar no que se atopan (e atoparán) os viaxeiros e as actividades máis teoricamente acaidas. Tamén hai acceso a fotografías de hoteis, restaurantes e atraccións. En definitiva, que se trata dun novo xeito de botar a unha man a que se atope só e lonxe de casa... mais co seu dispositivo.
Segundo fai saber TripAdvisor, este non é o primeiro chanzo da súa aposta pola tecnoloxía smartwatch, de feito súmase aos anuncios previos das aplicacións para Apple Watch (en abril de 2015) e Pebble Smartwatch App (a semana pasada).
Volvendo ao lanzamento para Android Wear, o obxectivo do mesmo, en palabras dos responsábeis da plataforma, "é proporcionar aos usuarios destes trebellos acceso aos millóns de comentarios de viaxeiros-usuarios que xa coñecen o destino turístico daqueles e xa pasaron por el, amais de axudarlles a atopar xoias ocultas, xa sexa un gran lugar no que durmir, comer ou visitar". De feito, a aplicación de TripAdvisor para Android Wear dispón de recomendacións de restaurantes, atraccións e hoteis próximos (amosa unha listaxe dos lugares mellor puntuados ao redor da localización do usuario, grazas ao GPS, xunto cos títulos das opinións para axudarlle a elixir o mellor lugar) e dispón tamén de detalles de puntos de interese (amosa enderezos, rangos de prezos, horas de apertura e distancia á que están os puntos de interese, etc).

PUBLICIDADE