Trump proclama falsamente a súa vitoria electoral nas redes sociais

mércores, 4 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O presidente dos EE.UU., Donald J. Trump, segue a forzar ao máximo as normas das plataformas sociais coas súas publicacións que superan os límites que tería calquera outro cidadán, e nas últimas horas forzou a Facebook, Instagram e Twitter a activar alertas nas publicacións do aspirante á reelección presidencial xa que afirmou sen dar lugar a dúbidas que viña de gañar o proceso electoral, pese a que aínda quedan moitas horas de reconto e a proclamación do resultado podería tardar días en vista das complicacións que están a xurdir polas numerosas reclamacións xudiciais e o axustado dos resultados.
Que Trump proclamase a súa vitoria de xeito moi prematuro deu lugar a declaracións nas que o presidente asegura que os seus resultados foron bos e lanzou acusacións de fraude electoral, como vén facendo durante as últimas semanas, o que forzou ás plataformas sociais a incluír advertencias sobre o feito de que o reconto non rematou e tamén achegando información sobre a seguridade do procedemento electoral que Trump critica cando xoga na súa contra, xa que o sistema electoral estadounidense pon moitas dificultades á participación, especialmente no contexto sanitario actual (en moitos distritos houbo ringleiras nas rúas que duraban horas, de xeito que exercer o voto podería considerarse unha actividade de risco e carente de facilidades para animar á participación).
A publicación de desinformación por parte dun presidente durante unha xornada electoral é un comportamento inédito nunha democracia como a estadounidense, e que teñan que ser os medios de comunicación e as plataformas sociais as que teñan que protexer aos cidadáns da divulgación de falsidades resulta pouco esperanzador, pois supón deixar en mans privadas a protección da liberdade, cando deberían existir garantías legais para evitar situacións así.

PUBLICIDADE