Tuenti avanza na súa integración no móbil

martes, 2 de marzo do 2010 Marcus Fernández

A plataforma para redes sociais máis popular entre a mocidade española, Tuenti, quere dar un paso adiante no seu achegamento ubicuo aos seus usuarios, e presenta Tuenti Partner, un programa para operadoras e fabricantes de dispositivos que debuxa o seu itinerario de alianzas no escenario móbil, comezando por Vodafone España, compañía que vén de estrear o servizo TueniSMS, de xeito que os seus usuarios poden recibir mensaxes de texto de balde coas notificacións de Tuenti no seu móbil.
Tuenti Partner tamén incluirá aplicacións (como as dispoñibles para iPhone, Android e terminais con soporte de Java) e unha páxina de Internet móbil personalizada. As compañías que adscriban o programa tamén entrarán nunha alianza de publicidade e poderán facer uso da API oficial de Tuenti para integrar novas funcionalidades.

PUBLICIDADE