Tuenti mellora as súas tarifas móbiles pero derrúbase en número de usuarios

xoves, 23 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Sebastián Muriel e Alejandro Vázquez-Guillén na presentación desta mañá

Tuenti Móvil presentou esta maña as súas novas tarifas, nun acto no que destacou que son unha Cloud Phone Company que aposta por desenvolver servizos de comunicación integrados e na nube para os seus clientes, de xeito que ofrecen unha proposta de servizos de valor engadido que os diferencian claramente doutros OMV.
A tarifa máis básica da filial de Movistar ofrece 1 Gb de datos e chamadas a 0 céntimos/minuto durante o primeiros 30 minutos (aos que hai que engadir 18,15 céntimos de establecemento de chamada) por 7,25 euros/mes; seguido por outra tarifa con 1 Gb de datos e 75 minutos de chamadas a calquera operador por 10,75 euros/mes; e completando a oferta cun paquete mensual de 1,5 Gb de datos que inclúe 150 minutos en chamadas por 18 euros/mes. En ambos casos é posible optar polo prepagamento ou o contrato e inclúese o servizo Zerolímites (que permite as comunicacións a través da aplicación móbil de Tuenti sen afectar ao consumo de datos da tarifa contratada).
O OMV vai modificar nos vindeiros días as condicións dos seus bonos de ampliación do volume de datos para os clientes de prepagamento, baixando o de 300 Mb a 3 euros e engadindo un novo BonoPlus de 500 Mb por 5 euros. Ambos poderán engadirse antes de esgotar o bono mensual e sendo acumulables.

Tuenti en números

GlobalWebIndex atribúe a Tuenti unha caída do 58% dos seus usuarios en 6 meses

No que se refire ao número de clientes, o director xeral de operación de Tuenti, Sebastián Muriel, sinalou hoxe que xa contan con 165.000 clientes activos, pero non todas as cifras da compañía parecen tan boas, xa que segundo GlobalWebIndex as plataformas sociais locais europeas están a perder peso, o que no caso de Tuenti suporía unha caída do 58% de usuarios nos últimos 6 meses, perda só superada por Hyves en Holanda cunha baixada do 68%.

PUBLICIDADE