Tuenti prepara unha plataforma de vídeo baixo demanda

luns, 14 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Sebastián Muriel durante o EBE11

O pasado domingo rematou en Sevilla a edición de 2011 o Evento Blog España (EBE), e nesta última xornada do encontro de blogueiros máis relevante do Estado o director de Desenvolvemento de Tuenti, Sebastián Muriel, falou sobre o papel de Europa no mundo da tecnoloxía, aproveitando a ocasión para anunciar que esta semana Tuenti vai estrear en probas o servizo de vídeo baixo demanda TuentiCine, que irase abrindo paulatinamente aos membros desta plataforma de redes sociais.
Segundo Muriel, inicialmente o servizo permitiría o aluguer de películas para a súa reprodución baixo demanda, coa posibilidade de permitir subscricións semellantes ás de NetFlix (cun acceso ilimitado aos contidos) para o que chegaron a acordos cos principais distribuidores de cine.
Espérase que hoxe mesmo uns 5.000 usuarios de Tuenti poidan participar na fase Beta de TuentiCine, e agardamos que en breve dean máis detalles desta iniciativa que é unha de tantas das que están a xurdir nos últimos meses para intentar replicar en España o éxito de NetFlix nos EE.UU.

PUBLICIDADE