Turgalicia achega tecnoloxía para que os seareiros do turismo rural en Galiza non se perdan

luns, 3 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Xa pasaron os tempos en que todo o mundo planificaba as súas viaxes ollando folletos turísticos en papel e tirando partido da imaxinación nas oficinas (para logo darse cun canto nos dentes, ó ver a realidade da paraxe previamente soñada). Agora, quen máis quen menos métese na Rede e bota man das novas tecnoloxías en xeral para preparar un itinerario, e, quen non se mete, solicítalles información a outros que si se meteron. O caso é que unha das iniciativas que vén de poñer en marcha na Rede a Consellería de Innovación a través de Turgalicia semella especialmente deseñada á medida dos viaxeiros que, amais diso, son e serán usuarios das tecnoloxías.
Podémolo ver na web de Turgalicia. Falamos dunha ferramenta para tirarlle partido ó GPS no turismo rural, incluíndose xa no devandito sitio todas as coordenadas destes establecementos, accesibles nos apartados dedicados a cada un deles.
Deste xeito, poderíamos estar falando do principio da fin dunha escena que se repite por norma nas pontes festivas en case todas as estradas da rede galega: visitantes e máis visitantes dando voltas á procura da casa rural onde queren facer noite. Non en van, esta proposta de Turgalicia permitiríalle a calquera persoa que requira atopar unha hospedaxe dar co sitio exacto de destino a través do navegador instalado no seu automóbil.
O sistema, segundo apunta Innovación, é compatible con diversos tipos de navegadores: o Tom Tom, o Garmin, o Navman, o Oziexplorer e o Gpx. O único que se require é seguir as instrucións que se publican na mesma páxina web.
O servizo está dispoñible tanto para a descarga conxunta das coordenadas de todas as casas de Galiza, como as dunha soa provincia, un concello, unha única casa ou calquera das posibilidades que proporcionan o filtro de busca avanzado instalado na páxina da entidade pública de promoción turística de Galiza.
Na imaxe, o Muíño de Pena no Concello do Pino.

PUBLICIDADE