Turgalicia leva as vantaxes das TIC ao empresariado das catro provincias galegas

venres, 19 de novembro do 2010 Raquel Noya

Na súa teima por ofrecerlle aos empresarios e empresarias do sector turístico do noso país as ferramentas necesarias para mellorar a súa promoción e comercialización a través de Internet, Turgalicia, en colaboración coas tres principais entidades empresariais do sector (Fegatur, Agatur e Pazos de Galicia), vai organizar unhas xornadas nas catro provincias galegas, nas que dará a coñecer as vantaxes das TIC aplicadas á empresa turística.
Estas xornadas, que levan por nome Turis-Tic, pretenden dar solucións ao que actualmente, segundo informan dende Turgalicia, “máis lle preocupa aos propietarios galegos de establecementos turísticos”; que é “como vender en Internet?” e “se o están a facer ben”.
Cada provincia galega dará acollida a unha xornada que terán lugar nas seguintes cidades: o día 30 de novembro en Santiago de Compostela; o 2 de decembro en Allariz; o 13 de decembro en Lugo e o 15 do mesmo mes en Moraña.
Todas elas darán comezo ás 10:00 horas e rematarán ás 19:00 horas, dividíndose en dúas partes ben diferenciadas: a mañá dedicada á comercialización, na que se darán as claves e conceptos básicos que calquera empresa ten que ter presentes se quere dar o paso para un bo uso da Rede; e a tarde dedicada á auditoría de impacto, na que os responsables de destacadas empresas de todo o Estado analizarán a presenza en Internet das empresas asistentes ao seminario, que serán seleccionadas aleatoriamente.
A xornada da capital galega estará aberta a calquera empresa do sector turístico que queira asistir sen custo algún e nas outras tres, as empresas que non estean asociadas a Fegatur, Agatur ou Pazos de Galicia, terán que pagar 35 euros, que inclúen o xantar.
Para incribirse, as persoas interesadas deberán entrar na web oficial das xornadas ou ben chamar ao teléfono 902 233 131.
O programa, que se pode consultar ao detalle na devandita web, inclúe os relatorios, Como me vendo?, da man de Manuel Pan, consultor especialista en Turismo e TIC e Como me organizo para vender?, por Rafael Pintado de Ruralgest nunhas xornadas e por Susana Alvite noutras.

PUBLICIDADE