Turismo de Galicia presenta unha aplicación libre para optimizar a xestión das nosas pensións

luns, 18 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Entrada da pensión rural A Laxe, emprazada no concello de Carnota

Turismo de Galicia (Turgalicia) presentou co inicio desta semana un programa para optimizar a xestión dos nosos establecementos hostaleiros. A aplicación, que nun principio diríxese de xeito específico ás pensións, vén da man do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia e achégase de balde. Segundo informou nunha xuntanza de presentación con hostaleiros da provincia da Coruña o director do dito Instituto, estamos ante unha iniciativa pioneira en todo o Estado. Esta xuntanza será a primeira dunha xira informativa pola nosa xeografía, sendo o seu obxectivo difundir as vantaxes deste programa libre e tirar proveito daquelas para a recollida de datos estatísticos de valor.
O software, fíxose saber, achega unha xestión “máis operativa e profesional” aos responsables das pensións de Galicia que carezan de dispositivos e ferramentas tecnolóxicas axeitadas para realizar o seu traballo. Por exemplo realizar reservas e facturas nunha base de datos ordenada de clientes; procurar e modificar esas reservas ou facturas apropiadamente en función das características de cada pensión e de cada cuarto dispoñible; obter informes de xestión e planificacións semanais e/ou mensuais de limpeza, de datos de ocupación; “isto é, operacións do día a día que afectan á carga de traballo do empresario, xerente, recepcionista, persoal de limpeza, de todo o equipo”, sinalouse.
Para Turismo de Galicia, a ferramenta ten un amplo potencial de uso, e máis tendo en conta a importante presenza deste tipo de negocios na nosa terra. Así, só na provincia da Coruña hai 265 hoteis e 514 pensións, na cidade herculina rexístranse no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas un total de 28 hoteis e 49 pensións. Segundo engadiu no transcurso da presentación do software o director do Instituto, José Paz, grazas a esta tecnoloxía, “as pensións galegas poderán ser xestionadas como as empresas fundamentais do tecido turístico da Comunidade”. A ferramenta responde pois a unha necesidade ben concreta, unha necesidade que ademais é dupla. Por unha banda, “a precisada polo propio sector hoteleiro de Galicia, que manifestou as eivas e dificultades que tiña á fronte dos seus negocios ante a inexistencia dunha aplicación operativa”. Por outra, fixo saber José Paz, “a manifestada pola propia Administración Turística, que recolleu no seu Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 como prioritario o apoio ás empresas na aplicación de tecnoloxías para o propio desenvolvemento –actuación 33 das 56 que conforman o plan-”.

PUBLICIDADE