Turismo de Vigo renova a súa web e impúlsase nas redes sociais

venres, 4 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

Turismo de Vigo xa conta dende os días pasados con nova web: unha xanela ao mundo da maior das cidades galegas á que se lle acaba de sacar brillo e despoxar de todo aquilo que pode afectar negativamente á vista de todo o que nos ofrecen o seu casco urbano e arredores, o seu valioso patrimonio arquitectónico e a non menos importante riqueza natural (comezando polas Illas Cíes). A páxina renovada, achegada en catro linguas (castelán, galego, inglés e portugués), compleméntase cun importante traballo de relanzamento de Vigo no ámbito 2.0, que se traduce, para entendérmonos, en novos sitios nas redes sociais: en Facebook, en Twitter, en Pinterest, en YouTube e en Google Plus.
Asemade, tamén hai presenza na revista dixital Isuu. Este traballo de posta ao día foi desenvolvido pola empresa galega Esmerarte para a Concellería de Turismo, Comercio e PEME do Concello de Vigo e forma parte do Plan de Competitividade de Turismo urbano e da Ría de Vigo froito da colaboración entre o Goberno local, o Instituto de Turismo de España, a Xunta e a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra. A presentación da renovada web e da vertente 2.0 da cidade galega compleméntase cun vídeo específico, á vista xa na Rede.
Entre as novidades que pon en xogo a nova web atopamos as seguintes:
· A reestruturación da información: fíxose fincapé en mellorar ao máximo o xeito en que se amosan os contidos, co obxectivo de engaiolar ao usuario e potenciar o seu interese acerca da cidade de Vigo, salientándose as súas características únicas e diferenciadoras.
· Xeolocalización dos principais puntos de interese que se expoñen no portal, todo a través de Google Maps. Entre outras cousas, achéganse aos internautas todo tipo de suxestións (aparcamentos, monumentos, centros comerciais, áreas naturais), con referencia ao lugar no que se atopa ou vai atopar, co fin de que poida organizar os seus propios itinerarios na cidade.
· A web incorpora información actualizada sobre recursos de interese para o turista, como aloxamento, restauración, comercio e empresas de servizos de lecer (aluguer de vehículos, compañías navieiras, clubs deportivos, empresas de aventura, etc.). Os elementos están, como dixemos, xeolocalizados, de maneira que o usuario pode filtrar a súa procura por tipo de establecemento, por localización ou por categoría, e dispor da vista en formato mapa ou ben en formato listaxe destes recursos.
· A través de ferramentas como Vigo á túa medida e Que facer en Vigo, permítese ao usuario explorar contidos escolmados de maneira específica para as súas necesidades e características. Outras ferramentas, como Tamén pódeche interesar clasifican manualmente contidos para realizar suxestións ao usuario en función do elemento que está a consultar. Deste xeito, informa Esmerarte, amplíase o espectro de activos que se amosan ao usuario para captar a súa atención e eventualmente pode contribuír ao incremento do tempo de permanencia na páxina. Pistas e recomendacións é unha utilidade que quere achegar o contido ao destino ofrecendo consellos prácticos, atallos ou propostas dirixidos a mellorar a experiencia do viaxeiro, “coma se un vigués acompañáselle no seu itinerario”, informan os responsábeis destas iniciativas.

PUBLICIDADE