TweetDeck permite compartir contas de Twitter sen divulgar os seus contrasinais

luns, 23 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Para facilitar o uso dunha mesma conta de usuario de Twitter por varias persoas presentan TweetDeck Teams, un novo xeito de compartir contas de usuario sen ter que compartir os seus correspondentes contrasinais empregando a aplicación TweetDeck (propiedade de Twitter) nas súas versións para web, Chrome e Windows.
Esta nova funcionalidade é moi sinxela, e supón un grande incentivo para empregar o noso nome de usuario e contrasinal de Twitter para identificarnos en TweetDeck, xa que, de facer tal, poderemos gozar de TweetDeck Teams. Para iso, cando iniciemos unha sesión de TweetDeck con acceso á conta que queiramos compartir, só teremos que ir á sección de Contas, picar no apartado de Equipo e logo escribir os nomes de usuarios que queiramos asignar, para elixir logo se queremos darlles o rol de colaboradores ou de administradores (estes últimos poderán xestionar a listaxe de usuarios autorizados).
Cómpre destacar que nin administradores nin colaboradores poden acceder ás contas de Twitter fóra de TweetDeck, de xeito que non poderán mudar a configuración dunha conta ou o seu contrasinal, o que engade un nivel de seguridade moi interesante para as xestións conxuntas de contas de usuario.


Vídeo explicativo do funcionamento de TweetDeck Teams

PUBLICIDADE