Tweetbot actualízase para as pantallas dos novos iPhone

mércores, 1 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Cando se dá unha discusión sobre sistemas operativos móbiles e a calidade das súas aplicacións, é habitual que saia o nome de Tweetbot, ferramenta considerada por moitos como o mellor cliente de Twitter do mercado, que só está dispoñible para sistemas de Apple, e que hoxe deu unha alegría aos usuarios da súa versión para iPhone e iPod Touch, xa que vén de actualizarse para optimizarse para iOS 8 e para as pantallas do iPhone 6 e iPhone 6 Plus, incorporando tamén soporte para 1Password.
Esta nova versión de Tweetbot non só conta agora cun deseño para aproveitar os tamaños de pantalla dos novos smartphones de Apple, senón que tamén incorpora soporte para novidades de iOS 8 como son as notificacións interactivas (de xeito que dende o centro de notificacións podemos marcar un chío como favorito e mesmo respondelo sen ter que abrir a aplicación) e apertou as novas extensións á hora de compartir contidos (de xeito que fai doado trasladar unha imaxe de Twitter a Pinterest ou gardar contidos en Evernote sen saír de Twieetbot).
Pero a renovación de Tweetbot para smartphones continúa a verse ensombrecida polo feito de que as versións da aplicación para OS X e iPad están practicamente abandonadas, de xeito que nos tablets de Apple aínda se conserva un deseño baseado en iOS 6 cando debería terse adaptado hai bastantes meses a iOS 7 (especialmente agora que a versión actual do sistema operativo móbil é iOS 8).

PUBLICIDADE