Twitter celebra o seu décimo aniversario

luns, 21 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Hoxe Twitter está a celebrar o seu 10º aniversario con cancelo #LoveTwitter, chamando así a que os usuarios fagan memoria do máis destacado desta plataforma social que conseguiu mudar en pouco tempo o xeito de informarnos do que está a acontecer no mundo valéndonos do seu potencial para a comunicación en tempo real, aínda que non podemos evitar comentar que estamos realmente ante a posta en marcha dun servizo chamado twttr, empregado inicialmente de xeito interno na empresa de podcasting Odeo, e que non vería a luz pública até o 15 de xullo de 2006, cando xurdiu como un servizo orientado a un uso mixto entre a web e as mensaxes de texto no móbil.
En todos estes anos o servizo foi evolucionando dunha ferramenta para publicar o que unha persoa facía a cada momento até un lugar no que intercambiar comentarios e contidos, converténdose no xermolo da información diaria para moitos, e transformándose no camiño nunha aplicación que só permitía texto que puidese mandarse nunha SMS até un formato enriquecido no que se mesturan nomes de usuario, cancelos, ligazóns, imaxes, vídeos, aplicacións móbiles... que goza de grande aceptación mediática ao facilitar o seu uso como segunda pantalla, conseguindo situarse como a principal plataforma social á hora de conversar sobre os contidos televisivos (grazas á inmediatez e á posibilidade de fiar conversas mediante cancelos).
O feito de que as celebridades abrisen conta en Twitter tamén foi un importante reclamo, e actualmente cantantes, actores, deportistas e políticos son os máximos expoñentes desta plataforma social, como demostraron no seu día o presidente Obama e a súa esposa ao conseguir máis de 780.000 rechouchíos coa fotografía na que se apartan para celebrar a súa reelección na Casa Branca, marca superada hai un par de anos tras a cerimonia dos Oscars, cunha fotografía de grupo que superou os 3,3 millóns de rechouchíos e que tamén disparou o uso da palabra selfie para definir ás auto-fotos (ou autorretratos).
Curiosamente toda esta celebración chega nun momento no que o futuro de Twitter está moi cuestionado, dados os seus problemas para manter o crecemento de usuarios e a atención, mentres seguen a medrar plataformas como Instagram, constatando que no contexto tecnolóxico actual é imposible dar por sentada a plataforma que a xente empregará masivamente para comunicarse, e convertendo en todo un reto a exploración de modelos de negocio que poidan soster sistemas empregados por centos de millóns de usuarios que non pagan cotas de subscrición.

PUBLICIDADE