Twitter comeza a destacar os temas do momento en España

martes, 16 de novembro do 2010 Marcus Fernández

O servizo de microblogging Twitter facilita tomarlle o pulso á actualidade internacional a través dunha columna na que destacan os temas do momento (trending topics) e agora xa non só poderemos ver esta listaxe de temas a escala global, senón que poderemos limitar as temáticas destacadas ás empregadas por parte dos usuarios sitos en España grazas a que é un dos 13 países que vén de engadir a este sistema de filtrado.
Agora é posible coñecer os temas máis tratados en Twitter dende Alemaña, Arxentina, Australia, Chile, España, Francia, Holanda, India, Indonesia, Italia, Singapur e Venezuela, e incluso dende grandes cidades coma Río de Janeiro, Sydney, Toronto, Detroit, Miami e Minneapolis.
Aparte deste cambio, un pequeno grupo de usuarios de Twitter tamén pode agora ler os tuiteos na súa lingua grazas á tradución automática de Google Translate, que nas vindeiras semanas chegará a todos os usuarios de Twitter para facilitar a comunicación global entre os seus usuarios.

PUBLICIDADE