Twitter consegue beneficios trimestrais por primeira vez na historia

xoves, 8 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Táboa cos ingresos trimestrais de Twitter dos últimos anos

Os resultados financeiros de Twitter do último trimestre veñen de acadar un importante fito grazas ao recorte de gastos: por primeira vez na historia a compañía rexistra beneficios. Concretamente ao ingresar 732 millóns de dólares (só un 2% máis que o ano pasado) conseguiron beneficios de 91 millóns de dólares, cando no mesmo período do ano anterior perdera 167,1 millóns de dólares.
Cómpre destacar que os resultados son positivos no ámbito económico, pero no que se refire ao número de usuarios a compañía leva bastante tempo estancada, pero a axuste nos gastos (despedindo persoal e pechando áreas de negocio como Vine) conseguiu que os seus resultados operativos fosen positivos, facendo así que a empresa poida resultar atractiva para futuros compradores.
Twitter ten actualmente 330 millóns de usuarios activos ao mes, mentres que en usuarios activos ao día medrou un 12% interanual, aínda que as melloras de Twitter son bastante máis complicadas de detallar, xa que están no ámbito do compromiso dos usuarios, que cos últimos cambios da plataforma realizan cada vez máis accións e consumen máis tempo en Twitter e, en consecuencia, xeran máis oportunidades de negocio para a compañía, principalmente no que a publicidade se refire.

PUBLICIDADE