Twitter estrea Sociedade Limitada en España

martes, 2 de abril do 2013 Marcus Fernández

Laurence O’Brien figura como o representante de Twitter para encabezar a súa filial española

O Boletín Oficial do Rexistro Mercantil recolleu onte a inscrición de Twitter Spain, S.L., empresa de marketing e desenvolvemento de negocio con domicilio en Madrid e que tería botado a andar o pasado 27 de febreiro, o que suporía o desembarco español de Twitter a través dunha subsidiaria irlandesa (Twitter International Company) encabezada por Laurence O’Brien. A compañía tamén ten publicada na súa páxina web 2 ofertas de emprego para Madrid, que corresponderían a un executivo de contas e un director de contas, polo que parece claro que a compañía o que está a desenvolver é un plan de espallamento comercial, como xa fixeron no seu día outras compañías como Google ou Facebook.
Polo momento pouco se sabe do camiño que seguirá esta filial española de Twitter, pero é de agardar que busquen potenciar a explotación da súa plataforma como soporte publicitario aproveitando a grande presenza que ten entre o público e os medios de comunicación españois.

PUBLICIDADE