Twitter incluirá novos filtros para as notificacións

xoves, 18 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Nos vindeiros días Twitter vai introducir un par de novidades para mellorar a súa experiencia de uso considerablemente, e que poderán activarse na configuración da sección de notificacións da aplicación móbil de Twitter.
Por unha banda temos que os usuarios poderán limitar as súas notificacións (no móbil e en Twitter.com) ás persoas ás que sigan, de xeito que reducirase o volume de notificacións recibidas, para que principalmente o sistema só avise de cousas que poidan ser do noso interese.
Adicionalmente tamén poderase activar un filtro de calidade nas notificacións, que é unha característica aínda en probas, e que eliminará da nosa vista certos contidos en función da conta de usuario de orixe e o seu comportamento. Este sistema procurará evitar contidos de pouca calidade como chíos duplicados (que poden chegar a ser moi molestos en certos momentos nos que un contido se fai viral), aínda que dende Twitter inciden no feito de que non se filtrará o contido de xente á que sigamos nin de contas coas que establecésemos algunha interacción recentemente.
En ambos casos o usuario poderá activar ou desactivar as novas opcións de filtrado en calquera momento.

PUBLICIDADE