Twitter muda a orde das buscas e proba alertas informativas

martes, 20 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que Twitter é unha ferramenta na que prima o tempo real, hai situacións nas que a actividade é tan elevada que sepulta os contidos recentes interesantes, e por iso decidiron mudar o xeito de amosar os resultados de busca, de xeito que agora xa non empregará como único criterio o cronolóxico inverso, senón que tamén inclúe a relevancia, para así mellorar a experiencia de uso, de xeito que os primeiros resultados que se amosen procurarán ser interesantes, para o que levan un tempo adestrando a sistemas automatizados.
Para Twitter foi todo un reto equilibrar os distintos resultados que saen nas buscas, xa que aparecen chíos, contas, novas, buscas relacionadas... e incluso hai que ter en conta que as imaxes e os vídeos ocupan máis espazo que o texto puro, polo que todos estes elementos inflúen claramente na experiencia do usuario, de aí que leven bastante tempo ponderando a fórmula a adoptar e precisamente por iso continuarán a mellorar a fórmula co tempo, para conseguir que a súa plataforma resulte máis práctica e satisfactoria de empregar.
Iso si, aínda que os resultados de busca de Twitter teñan unha útil sección de destacados, é posible visitar a pestana de máis recente para ver realmente o último publicado baixo os nosos criterios de busca.

Alertas de última hora

Outra funcionalidade que Twitter estará a probar estes días, e que xa experimentaron varios usuarios, sería a de alertas móbiles con novas de última hora, ou sexa, que cando exista algunha nova especialmente relevante a aplicación poderá disparar unha notificación que levaranos a un momento relevante no que se recollen chíos sobre ese tema de máxima actualidade.
Nas últimas hora houbo usuarios que recibiron avisos no seu móbil sobre o atentado en camión en Berlín ou da confirmación do Colexio Electoral norteamericano de que Donald Trump será o vindeiro presidente dos EE.UU., ou sexa, que parece que Twitter decidirá que tipo de información sería de especial interese para cada usuario, o que pode resultar bastante problemático, xa que require de criterios editoriais cos que non sempre coincidirá o público.

PUBLICIDADE