Twitter quere converterse nunha plataforma de comercio electrónico

venres, 19 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos dende Twitter están a esforzarse en atopar canles de comercialización da súa plataforma que vaian máis aló da publicidade, e agora queren facilitar a compra directa de produtos sen saír da web de Twitter ou das súas aplicacións móbiles, para o que están a probar un par de novos formatos para descubrir produtos e lugares en Twitter.
Por unha banda están a probar páxinas de lugares e produtos, que é un xeito de organizar chíos relativos a lugares e produtos, con imaxes e vídeos sobre os produtos, así como información como descrición, prezo e incluso a opción de mercar, realizar unha reserva ou visitar unha páxina web para máis información. Ou sexa, que Twitter consegue converterse así nunha plataforma de comercio electrónico. Por exemplo, se sobre un libro atoparemos imaxes e unha descrición, chíos relevantes sobre o tema e un botón para poder mercalo.
Por outra banda tamén teremos coleccións de lugares e produtos, que permite recoller unha selección de produtos de xente influínte que interese ao usuario, e permita logo atopar información sobre eses elementos. Deste xeito, tuiteiros relevantes poden ofrecer unha escolma de lugares e produtos (que en moitos casos podería estar asociados á súa marca) que os seus seareiros agradecerán.
Estas novas prestacións de Twitter están a botar a andar hoxe, e iranse espallando paulatinamente, integrando novas funcionalidades para contribuír nesta transformación de Twitter nunha plataforma da que resulte máis doado tirar proveito económico, á vez que procuran reducir a fuxida de usuarios a outros espazos na web.

PUBLICIDADE