UNVEX impulsará con 120 relatores e 60 expositores o noso talento en deseño de drons

martes, 8 de xuño do 2021 S. P.

O evento UNVEX, referente estatal e internacional no ámbito dos drons e as tecnoloxías que os acompañan, vai celebrar a súa vindeira edición en Santiago de Compostela, en Marín e nas Rozas (Lugo) entre os días 7 e 9 de xullo. Segundo se fixo saber este 8 de xuño na Cidade da Cultura (ante a prensa e os representantes da industria galega e española) o obxectivo é impulsar dende aquí a industria dos vehículos aéreos non tripulados, un sector que xerará 1.200 millóns de euros en 2035. Tamén se fixo fincapé nas cifras que acompañan o programa: 120 relatores, 22 sesións e 60 expositores.
O director de UNVEX, Ángel Macho, agradeceu á Xunta de Galicia a súa colaboración e apoio neste ano e medio de preparación do evento e destacou a importancia que adquire Galicia nesta edición: “Desde o primeiro momento que coñecemos á Axencia Galega de Innovación (GAIN) soubemos que eramos complementarios e fixamos os obxectivos para deseñar esta edición”, comentou.

Patricia Argerey, directora de GAIN, na presentación de UNVEX 2021

Pola súa banda, a directora de GAIN, Patricia Argerey, salientou que UNVEX “servirá para mostrar todo o potencial de Galicia neste sector e profundar nun modelo económico baseado no coñecemento e no I+D”. Tamén lembrou que a Xunta traballa dende hai anos para converterse en referente da industrial aeroespacial, baseada especialmente nos UAV, cousa que ratificou co seu Plan Estratéxico 2021-2025, “co que se mobilizarán 70 millóns de euros públicos que aspiramos que entre fondos privados e europeos ascendan a 540 millóns de euros”, sinalou.
Tras estas intervencións, foi a quenda de debullar o programa de conferencias, da man do seu coordinador, Carlos Delgado, que anunciou que UNVEX contará con 120 relatores en 22 sesións que se organizan por bloques sobre Aplicacións públicas e usos comerciais, que centrarán as conferencias do primeiro día; sendo a temática Defensa, Seguridade e Emerxencias a cuestión que vertebre a segunda xornada. O evento rematará cunha sesión de divulgación, aberta ao público, durante a mañá do día 9 de xullo.
Máis de 60 expositores
UNVEX 2021 ten confirmados máis de 60 empresas expositoras nas súas máis de 2.5000 metros cadrados de exposición, entre os que destacan as empresas tractores do sector, así como pequenas e medianas empresas e operadoras. Nesta exhibición poderanse ver as principais as principais novidades tecnolóxicas destas empresas e tamén contará co seu propio programa de actividades con conferencias no espazo “Ágora” e as conferencias de divulgación do día 9 de xullo.
Demostracións marítimas e aéreas
No apartado das exhibicións, o responsábel das demostracións marítimas, que se celebrarán na tarde do 8 de xullo na Escola Naval Militar de Marín (Pontevedra), o vicealmirante Gregorio Bueno, explicou que se poderán ver catro sistemas de superficie e un sistema aéreo deseñado especificamente para operar directamente desde embarcacións.
O día 9 de xullo, UNVEX desprázase ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR), situado no aeródromo de Rozas (Lugo) no que se poderán ver en vivo oito sistemas de á fixa e á rotatoria e un sistema contra UAS, así como as súas prestacións, como detallou o seu director técnico, Carlos Albo.
A directora do CIAR, Neves Seoane, destacou a importancia de que UNVEX faga as demostracións nas súas instalacións, para mostrar ás institucións e ás empresas todo o que este centro, que é un referente na certificación de avións non tripulados, pode ofrecerlles.

PUBLICIDADE