USC e Concello de Lugo unen forzas para desenvolver o eido formativo de Muralla Dixital

luns, 16 de xullo do 2012 Raquel Noya

Pedro García Herradón (esquerda) e Clemente López Orozco, durante a sinatura do convenio de colaboración entre a USC e o Concello de Lugo para o proxecto Muralla Dixital

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, foi o representante da USC encargado de asinar co Concello de Lugo un convenio de colaboración para o desenvolvemento das actividades formativas do proxecto Muralla Dixital, polo que ámbalas dúas entidades se comprometen a potenciar o patrimonio da cidade poñendo en xogo as TIC, a través da formación de mozos e mozas interesados.
Máis polo miúdo, o que se trata é usar as novas tecnoloxías e as técnicas máis innovadoras para trasladar o patrimonio da cidade da muralla á Rede, facendo así posible que se coñeza o seu potencial e beleza alén das nosas fronteiras.
Para iso, no marco deste proxecto, levaranse a cabo unha serie de obradoiros de formación TIC, que se estenderán ao longo de cinco meses, e que van dirixidos a mozos e mozas en situación de desemprego con titulacións en Humanidades, Historia, Historia da Arte ou Belas Artes.
Os obradoiros a celebrar versarán sobre dixitalización do patrimonio documental lucense e dixitalización 3D, fotografía dixital e modelado en 3D do patrimonio histórico-arqueolóxico; e cada un deles contará con oito participantes.
Segundo informan os seus responsables, “os obradoiros terán un claro compoñente práctico” e centraranse inicialmente no manexo de diferentes ferramentas tecnolóxicas de rexistro, documentación e difusión do propio patrimonio histórico-arqueolóxico lucense.

PUBLICIDADE