UVigo Aerotech estará na competición universitaria de enxeñaría aeronáutica máis importante de Europa

martes, 23 de febreiro do 2021 S. P.

Este mes de xullo vaise celebrar en Múnic (Alemaña) a nova convocatoria da competición universitaria de enxeñaría aeronáutica máis importante de Europa, a Air Cargo Challenge. Entre os equipos que confirmaron a súa participación atópase presenza galega. En concreto, a do grupo UVigo Aerotech, o equipo de aeromodelismo da institución académica viguesa, que competirá cunha aeronave de á fixa non tripulada en cuxo deseño e fabricación están a traballar unha vintena de estudantes, principalmente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo pero tamén da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense.
Os integrantes do equipo UVigo Aerotech salientan a súa satisfacción polo pase acadado porque “seremos o primeiro equipo galego en participar na historia desta competición, onde 30 das mellores universidades do mundo compiten por realizar o mellor deseño dunha aeronave destinada ao transporte de carga”.
Segundo informa a Universidade de Vigo, a historia do equipo comezou a principios de 2020, cunha primeira tempada que rematou co deseño do AZOR-0, unha aeronave de máis de catro metros de envergadura e con capacidade para erguer até 12 quilos. O grupo traballa agora no deseño e fabricación dun novo prototipo de aeronave dividido en cinco departamentos co obxectivo de “cubrir todas as necesidades do proxecto de forma organizada”. Estes departamentos son Electrónica e Control (no que se integran e aplican os circuítos do aeromodelo e elíxese tanto o hardware como o controlador empregados); Propulsión e Dinámica (que se ocupa do deseño, mantemento e ensamblaxe do motor, ademais do deseño e fabricación do tren de aterraxe); Aerodinámica (que abrangue o deseño e fabricación dos elementos aerodinámicos do modelo que permiten levantar a carga de pago necesaria); Estruturas (que estuda as necesidades estruturais do modelo e encárgase da fabricación) e Organización e Márketing (que se adica á organización interna e xestiona as redes sociais e a representación do equipo).
O prototipo froito deste traballo competirá nunha Air Cargo Challenge na que se valorarán tanto as probas de voo como a inspección técnica da aeronave e toda a enxeñaría detrás do deseño. Nesta edición, indican desde UVigo Aerotech, a carga a transportar pola aeronaves que compitan serán bolsas de sangue. “Co deseño xa case rematado, nos próximos meses centrarémonos na fabricación, a ensamblaxe e as probas da aeronave”, sinalan desde o equipo facendo fincapé na colaboración da empresa aeronáutica Coasa que, se a situación sanitaria o permite, “cederanos unha parte das súas instalacións para a fabricación do noso prototipo”.

PUBLICIDADE