Ubisoft anuncia Watch Dogs 2

mércores, 8 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Anticipándose ao E3, Ubisoft presentou hoxe Watch Dogs 2, a segunda entrega da emblemática saga inspirada nunha realidade hiperconectada, na que o Central Operating System (ctOS) rexorde nunha versión 2.0 dende Silicon Valley, de xeito que esta nova Internet das Cousas trasladará a acción a San Francisco, onde o protagonista estará vixiado non só polo goberno e organizacións criminais, senón tamén por corporacións que son quen de crear perfís dixitais completos dos cidadáns que poden rastrexar, intercambiar, vender e incluso roubar sen que o percibamos. Ante tal control da poboación os hackers teñen que iniciar unha loita para recuperar o poder, como poderemos ver ao encarnar a Marcus Holloway, un mozo acusado inxustamente polo ctOS 2.0 dun delito que non cometeu, e que unirase á célula de San Francisco de DedSec, formando así parte dun grupo que suma esforzos para enfrontarse ao goberno corrupto.
Desta volta o xogo terá todos os escenarios abertos dende o comezo, convidando a explorar e descubrir as historias e os secretos de toda a baía de San Francisco, ofrecendo así un grande mundo aberto que demostra a súa ambición e que tamén amplía o sistema de hackeo¸ abrindo novas posibilidades, de xeito que para deter un vehículo xa non teremos como única opción hackear un semáforo, senón que tamén poderemos tomar control do seu volante ou sobrecargar o seu motor.
Toda unha evolución do xogo que foi posible grazas a atender á resposta do público ante a anterior entrega, e que poderemos ver en PlayStation 4, Xbox One e PC a partires do 15 de novembro.

Tráiler de presentación de Watch Dogs 2

PUBLICIDADE