Ubisoft recoñece que o xogo ZombiU foi deficitario

martes, 9 de xullo do 2013 Marcus Fernández

ZombiU foi un dos grandes reclamos de lanzamento da Wii U

Pese a levar varios meses no mercado, e non chegar as consolas de nova xeración ata a campaña de Nadal, a Wii U de Nintendo non parece ter atopado un lugar no mercado, e como signo diso temos que o director xeral de Ubisoft, Yves Guillemot, nunha entrevista para GamesIndustry recoñeceu que un dos xogos que sería de reclamo para mercar a última consola doméstica de Nintendo, ZombiU, quedou moi lonxe de ser rendible, polo que non teñen intención de traballar nunha secuela. A mesma compañía tamén adiou o lanzamento de Rayman Legends que, pese a estar rematado para Wii U, preferiron adaptalo ao resto de plataformas para a súa saída en vista das poucas vendas que estimaban para a sucesora da Wii.
Que unha compañía como Ubisoft, que apostara forte pola Wii U retire o seu apoio, e compañías como Activision e EA non anuncien ningún grande lanzamento para esta consola dan a entender que neste momento o único no que poden confiar os usuarios da Wii U é en contar con xogos desenvolvidos directamente por Nintendo, o que por si mesmo podería manter a consola viva, pero claramente queda moi lonxe do que quere a grande masa de usuarios, dando a impresión de que resulta imposible que repitan o fenómeno da Wii, e que o vindeiro Nadal podería ser moi malo para os resultados de Nintendo, ante as dificultades de que a Wii U compita coa Xbox One e a PS4. Por sorte, no mundo portátil a Nintendo 3DS consegue ter un bo catálogo de xogos, superando moi amplamente á PS Vita (consola na que a propia Sony non parece confiar, quedando relegada a un mero complemento das consolas domésticas).

Dende Ubisoft non teñen intencións de converter ZombiU nunha franquía, tras os malos resultados da primeira entrega

PUBLICIDADE