Ultimado o primeiro curso en liña de lingua galega

luns, 30 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Jorge Cebreiros e Marisol López, na presentación dunha campaña para a galeguización dos móbiles

Semella que a preparación dos recursos que lles van permitir aos internautas acreditar o coñecemento da lingua galega sen ter que saír da Rede van a bo ritmo. Así nolo fan saber, de feito, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e máis a asociación empresarial galega Ineo, que a día de hoxe (informan) teñen xa ultimado o primeiro curso en liña de lingua galega, deseñado para a preparación da obtención do Certificado no seu primeiro nivel, o Celga 1. O servizo, froito de varios meses de traballo intensivo, foi presentado esta mañá en moitos dos seus detalles nun acto que contou coa presenza do presidente de Ineo, Jorge Cebreiros e a secretaria xeral en funcións de Política Lingüística, Marisol López. Ámbolos dous fixeron fincapé no seu potencial de cara á galeguización do panorama actual da formación en liña. De feito, sinalaron, poucas veces se ten rexistrado tal demanda entre a sociedade dunha ferramenta educativo-dixital como a desta proposta en concreto.
Por certo que o curso foi deseñado (tratándose como se trata dunha iniciativa que abrangue lingua, aprendizaxe e novas tecnoloxías da información) por un equipo do máis variado. Por unha banda, un grupo de filólogos con formación especializada en docencia e avaliación de linguas foi o encargado de deseñar a parte dos contidos. Este grupo estivo dirixido por Margarita Chamorro. O deseño gráfico e do eido multimedia recaeu nun total de dez empresas pertencentes á asociación empresarial galega Ineo.
A iniciativa, concibida de xeito que fose coma unha porta aberta ás novas tendencias web en teleformación, é en boa maneira un xogo virtual de imaxes coas súas respectivas designacións textuais. De feito, a idea era achegar feitura de experiencia lúdica a un proceso puro de aprendizaxe, servindo o proceso obrigado do xogo como altofalante dos conceptos e das materias que se achegan.
O curso, que foi deseñado para trinta horas de aprendizaxe en liña, repártese nun total de dez unidades con tres bloques cada unha. Segundo informaron na súa presentación os responsables do servizo, amais dos formatos clásicos de preguntas pechadas, para unir parellas ou encher ocos, o curso tamén combina imaxes animadas, textos e locucións no cen por cento das pantallas do curso, así como a posibilidade de gravación da voz do alumno. Asemade, o curso incorpora xanelas con ligazóns externas para que os usuarios poidan localizar datos ou aclaracións gramaticais vinculadas aos contidos da unidade na que se estea a traballar.
O curso, que achegará avaliacións a través de tests, porá en xogo a figura dun titor ou mestre que se encargará do labor de supervisión. Ademais, os participantes terán á súa disposición un menú de uso persoal con acceso ao correo interno para a comunicación co titor.

PUBLICIDADE