Últimas horas para presentarmos candidaturas aos Premios EGANET 2011

mércores, 7 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Xa van quedando poucas horas para presentar a nosa candidatura aos Premios EGANET 2011. Así nolo recorda a asociación empresarial galega, que pechará este xoves 8 de decembro, ás 23.59 horas, o prazo de achega de propostas para a competir na oitava edición dos seus galardóns anuais, uns recoñecementos dirixidos a pór de manifesto os mellores traballados desenvolvidos na nosa terra a prol dunha serie de cuestións que se complementan: a nosa modernización tecnolóxica, a loita contra a fenda dixital, a aposta pola accesibilidade ou o compromiso social a través da Sociedade da Información.
Para quen queira aproveitar estas últimas horas para presentar a súa candidatura, dicirlle que está toda a información relativa ao certame (bases, feitura para a presentación, relatorio dos anteriores premios, etc) na súa web específica.
A gala dos premios, na que coñeceremos aos finalistas e gañadores deste ano, terá lugar o 21 de decembro ás 12:00h no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela. Nela, EGANET contará cunha ampla presenza tanto do sector TIC como doutros sectores económicos, sociais e institucionais. Na cerimonia, informa a asociación, intervirán entre outros representantes do noso tecido TIC público empresarial a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira.
Os galardóns, engade EGANET, “serven de estímulo desde hai sete anos ao labor de creación dos empresarios, profesionais e outros axentes que se senten comprometidos co espallamento da Sociedade da Información en Galicia e que deseñan, programan e desenvolven produtos e servizos que teñen en Internet e noutras novas tecnoloxías da información a súa razón de ser”.
Os Premios EGANET teñen o apoio das sete edicións anteriores, ás que se presentaron máis de 800 empresas con 1.100 proxectos. “Estas cifras amosan a consolidación dos premios e o seu prestixio e recoñecemento por parte do conxunto do sector TIC galego”, engádese.

PUBLICIDADE