Últimos días para participar na segunda convocatoria do programa de emprendemento para a mocidade de Telefónica

martes, 7 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Quen ande argallando unha iniciativa empresarial das que non se poñen en marcha para empeorar as condicións sociais da contorna senón todo o contrario, se cadra debería ter en conta iniciativas como Think Big da Fundación Telefónica. A nova edición deste programa de emprendemento social xa está en marcha (o prazo para aspirarmos aos seus apoios remata axiña), na recta final da fase de selección, que levou aos responsábeis da iniciativa a escolmar até 300 ideas entre a mocidade de todo o Estado, e todo con fin de apoiar a súa materialización en realidades de mercado. Think Big, posto en marcha en colaboración con Movistar, recibiu xa nesta edición máis de 800 propostas entre as que resultaron elixidas tres de mozos galegos, entre as 120 mellores.
A iniciativa ofrece aos novos profesionais a oportunidade de levar a cabo a súa idea nun prazo de entre 3 e 6 meses, para o que contan cunha axuda inicial de 400 euros e o asesoramento dun mentor que lles guía en todas as fases de desenvolvemento do proxecto. Ademais, proporciona formación en habilidades sociais, emocionais e de xestión de proxectos. O prazo para participar nesta iniciativa ficará aberto até este venres 10 de maio.
Think Big, informa a Fundación Telefónica, está presente en cinco países de Europa desde hai máis de dous anos e baséase na idea “de que os mozos constitúen o fundamento do cambio social a través do liderado e a responsabilidade sobre os seus propios proxectos”. O programa ten por obxectivo específico, en palabras dos seus responsábeis, “fomentar ese espírito emprendedor para axudar ás novas xeracións a mellorar a súa contorna máis próxima e para aprender diferentes competencias útiles para a súa vida diaria trátase polo tanto de facilitar as cousas a aqueles mozos que presenten iniciativas e ideas propias orientadas a modificar o seu contexto social cotián, co fin de permitirlles que sexan axentes activos do cambio social”.
Think Big púxose en marcha en España en outubro do ano pasado, trala experiencia acadada pola iniciativa en cinco países europeos onde Telefónica está presente: Reino Unido, Irlanda, Alemaña, República Checa e Eslovaquia. O proxecto en Europa iniciouse hai dous anos e, segundo informa a operadora española, “xeráronse xa 3.500 proxectos concretos, beneficiouse directamente a 63.000 mozos, e formouse axeitadamente e prestado apoio personalizado a 9.000 deles”.

PUBLICIDADE