Últimos días para presentármonos ao Premio Gradiant á mellor tese TIC

venres, 16 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Os mellores achados empresariais para a nosa terra, sexan referentes ás novas tecnoloxías ou a calquera outro chanzo da innovación, van collendo corpo moito antes, nos estudos ou xusto ao remate do mesmos. Temos aí un eido de traballo de gran interese, o ámbito das teses, tanto polas vías que abren dende o punto de vista da investigación en si mesma, como pola súa potencialidade no produtivo. Recoñecer este labor é un dos grandes obxectivos do Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao eido TIC, un certame que inclúe 2.000 euros de contía total e que vén da man do dito centro vigués de I+D (patrocinando) e máis da AETG (quen promove). Para quen queira concorrer no mesmo, dicirlle que o prazo para presentar traballos remata este luns 19 de setembro.
O galardón, orientado a recoñecer a mellor tese ao tempo que se promove a realización destes traballos como xeradores de coñecemento, vaise entregar no transcurso da XVI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, unha xuntanza prevista para o venres 21 de outubro no Gran Hotel de A Toxa, Pontevedra, na que farán acto de presenza os nosos profesionais das Telecomunicacións e as empresas do sector. Lembrar que outro dos obxectivos da AETG e máis de Gradiant é impulsar, a través deste recoñecemento, a excelencia daqueles investigadores das universidades galegas que teñen completada a súa tese doutoral nun eido aplicábel ao sector das TIC.
Ao premio poderán concorrer aquelas persoas que teñan defendida o seu traballo de I+D nalgunha das tres institucións educativas superiores galegas (USC, UDC e UVigo) nos anos 2008, 2009, 2010 e 2011 e que poida inserirse nalgunha destas áreas: transferencia tecnolóxica (patentes, licenzas) e orientación ao negocio.

PUBLICIDADE