Un cativo gasta máis de 1.000 libras en Xbox LIVE e a súa nai culpa a Microsoft

martes, 8 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Dawn Matthews co seu fillo Brendan Jordan

O Daily Mail publicou unha nova bastante rechamante pola reacción dunha nai solteira de Strood (Kent, Inglaterra) quen bota as culpas a Microsoft pola factura de 1.082,52 libras esterlinas (1.275,95 euros) correspondente á adquisicións de descargas dixitais para a Xbox 360 por parte do seu fillo de 11 anos.
18 meses atrás Dawn Matthew introduciu o seu número de tarxeta de crédito na consola do seu fillo Brendan Jordan para permitirlle subscribirse ao servizo de xogo en liña, pero sen decatarse que tal información quedaba gravada para a compra de produtos en liña (coma xogos descargables e contidos adicionais). Tras ver a débeda contraída polas compras sen control por parte do seu fillo, a muller británica non se lle ocorre outra cousa que considerar «ridículo» que un cativo poida facer pagamentos na consola sen ningún tipo de comprobación, o que non deixa de ser un claro descoñecemento do funcionamento de Xbox LIVE (Microsoft permite activar mecanismos de control paterno e as compras non son tan automáticas coma quere dar a entender) .
Resulta lamentable que Dawn Matthew realice afirmacións coma «cando está xogando non pode pensar nos cartos» ou «é imposible monitorizar todo o que os nosos fillos fan» para xustificar a situación da que Microsoft deféndese ao asegurar que apenas ten incidencias en máis de 30 millóns de usuarios de Xbox LIVE e dende o comezo do servizo conta con medidas de control paterno, así coma distintos filtros de idade e contido. Incluso detallan que cando un neno quere conectase a Xbox LIVE ten as funcionalidades en liña bloqueadas, sendo preciso que un dos seus pais as activen, polo que a responsabilidade do acontecido dificilmente pode corresponderlle a Microsoft.

PUBLICIDADE