Un centenar de empresarios achegouse en Vigo ás cousas que pode facer o dixital polos seus negocios

luns, 14 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O pasado 10 de maio celebrouse no Auditorio Mar de Vigo un encontro sobre as vantaxes da transformación dixital para o noso tecido produtivo e os principais desafíos aos que se enfrontan as nosas empresas para afrontar o proceso. A cita, a novena edición da xira ADN PEME que organiza La Neurona, contou coa presenza de Miguel Ángel Robles, director executivo da dita empresa, quen, xunto cos demais relatores, lembrou que ao abeiro das vindeiras correntes de mercado, “só as PEME dixitais sobrevivirán”. Segundo sinala a organización da xornada, esta foi “todo un éxito”, e, de feito, acudiu un 20% máis dos asistentes previstos. En total, un centenar de empresarias e empresarios da nosa terra.
Robles comezou dando a benvida, agradecendo a boa aceptación do público e lembrando aos presentes que “apostar pola transformación dixital é o noso obxectivo”, unha transformación dixital que tamén atinxe cuestións de tal importancia para as PEME como as finanzas, a mercadotecnia ou mesmo os recursos humanos.
A encargada de abrir o apartado de finanzas foi Natalia Zalvide Torrente, responsábel de Riscos do Grupo Intasa, quen sinalou que “cómpre abrir a mente á hora de buscar financiamento. Non só hai que centrarse nas fórmulas tradicionais. Agora temos nova información que debemos entendela e utilizar”, explicou, facendo referencia ás oportunidades que abre a sociedade dixital e elementos como a información masiva (Big Data) que aquela brinda.
Pola súa banda, Francisco Javier Costa Buján, director de Zona de Galicia en Bankia, achegou as solucións para as PEME con vistas ao intre no que queiran pedir algún crédito: “É moi importante unha boa relación co teu banco para convertelo nun colaborador máis do teu negocio”, afirmou, coincidindo con Natalia Zalvide na “importancia do mundo dixital”, e aliñándose tamén coa temática tratada pola seguinte relatora, Irene Fernández, responsábel da división galega de negocio de Seidor, quen dixo que grazas ás ferramentas dixitais no eidos negocios podemos entender mellor aos clientes, axilizar os procesos e extraer coñecemento dos datos. “A transformación dixital debe estar nas redes sociais, na nube, na mobilidade e nos datos”, sinalou.
Na quenda de debate, Manuel López Moroño, socio fundador de Finver, apuntou que “para minimizar a morosidade, a mellor forma é documentar as facturas, as transaccións, tentar que sempre estean asinadas baixo unhas condicións e subilas á web”. Pola súa banda, Eva Martínez, directora de Surcursal Galicia de Crédito e Caución, enumerou os problemas de política internacional que poderían ser unha ameaza para as empresas. Tocando o tema do comercio electrónico, Manuel Dávila, xefe de Vendas Zona Noroeste de Correos Express, destacou que “o comprador en liña estase a gastar de media ao redor de 80 euros por ticket. A xente merca desde a cadeira de brazos de casa pola comodidade, a diversidade de produtos, a confianza no pago en liña e o seguimento do envío”.
Así mesmo, Luis Lorenzo, consultor de Innovación e Speaker, distinguiu o valor da necesidade de sermos creativos para captar e manter no tempo clientes: “Cómpre romper esa barreira para sacar a imaxinación pura. Haberá que facelo a través dos nosos valores, ideas e espírito para conseguir os nosos obxectivos”. No transcurso da xornada, Luisa Cuevas Rodríguez da Unidade de Relacións Internacionais de FUNDAE, resaltou a importancia da formación. “As empresas cun persoal entre 1 e 50 traballadores poden acumular e solicitar o crédito de 3 anos para a formación dos seus equipos. Na provincia de Pontevedra xa se formaron o 20% dos traballadores”.
Pola súa banda, o medallista e olímpico español de esgrima José Luís Abajo Pirri trasladou ao público os factores dos equipos de alto rendemento ao ámbito empresarial. Fixo fincapé “na importancia do da competitividade positiva”. Durante a mañá os asistentes puideron pasarse polas distintas casetas dos patrocinadores do evento como Bankia, Correos Express, Crédito e Caución e Seidor. Tamén tivo presenza especial a Fundación Estatal para a Formación no Emprego (FUNDAE) e colaboraron AGEINCO, a Agrupación Cloud Network, AJE Vigo, APROEMA, Harvard Deusto e asociación de empresas TIC Ineo.

PUBLICIDADE